Xantar convértese no mellor escaparate para reflectir o lema de “Galicia Calidade” en turismo enogastronómico

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Galicia Calidade” tamén en turismo enogastronómico. Esta máxima para definir e promocionar o realizado en Galicia escóitase tamén en Xantar para facer referencia á excelencia da enogastronomía galega, que está posicionada como a segunda motivación pola que o turista elixe Galicia como lugar de visita. Ademais de motivación turística, a gastronomía destácase neste salón como un eixo vertebrador que axuda ás deputacións para axuntar a oferta turística dos seus concellos.

A 26ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, abriu hoxe as súas portas en Expourense converténdose xa nunha das citas máis lonxevas do calendario feiral español e sendo a única feira internacional de turismo do país especializada en turismo gastronómico. Ata este domingo 23 de novembro, Xantar ofrece unha edición que conta coa participación de 75 expositores, un mercado enogastronómico, 3 restaurantes e un programa de 120 actividades que inclúen talleres de cociña en directo, catas comentadas, degustacións e concertos diarios. O mercado e a zona infantil son as principais novidades desta edición que volve contar con entrada gratuíta.

O acto inaugural estivo presidido esta mañá pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, quen destacou Xantar como unha “cita ineludible tanto para os profesionais do turismo e a hostalería como para calquera visitante que queira gozar da calidade dos produtos agroalimentarios e do mar de Galicia. Durante a súa intervención fixo ademais referencia a que o turismo e a gastronomía son uns “aliados fundamentais para o agro galego, xa que contribúen a fixar poboación e permiten que o noso rural siga crecendo e prosperando”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira estivo acompañada neste acto pola vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Marta Novoa, e polo presidente do INORDE, Rosendo Fernández, quen destacou o papel de Xantar á hora de promocionar a calidade agroalimentaria da provincia de Ourense e a súa marca “Ourense Enogastronómica”. Ademais de contar co tradicional restaurante que ofrece nesta ocasión un “Menú de Outono” 100% ourensán, a Deputación facilita a participación de dous xeodestinos turísticos (Terras de Celanova – Serra do Xurés e Trevinca-Valdeorras), e promociona a Vía da Prata. Como novidade nesta edición aproveitan a súa participación en Xantar para dar a coñecer o Centro de Transformación para a pequena produción sostible de Cantoña, en Paderne de Allariz. Durante a fin de semana, comercializaranse neste espazo os primeiros produtos elaborados alí. Tamén participou no acto inaugural o deputado de Turismo da Pontevedra, Jesús Vázquez Almuíña, que destacou á gastronomía como o gran elemento desestacionalizador da oferta turística das Rías Baixas. Hoxe celebrábase o día dedicado a esta provincia en Xantar, que incluíu unha degustación de distintos aperitivos preparados con algas.

Ademais, celebrábase hoxe tamén o día dedicado a Turismo Porto e Norte de Portugal, o principal socio estratéxico de Expourense no país veciño en materia de turismo. O seu vicepresidente, José Candela Moura, interveu no acto inaugural facendo referencia á relevancia de Galicia como principal mercado emisor de turistas para esta rexión, mobilizando ao norte do país cun número crecente de municipios e axentes económicos que priorizan XANTAR como o escenario idóneo para promover e compartir o produto turístico “Gastronomía e Viños”. A caseta de Porto e Norte acolle a varias cámaras municipais da rexión que se suman ás que participan de forma independente como é o caso de Vila Real (presente desde a primeira edición), Felgueiras, Arcos de Valdevez, Alixo, Viana do Castelo ou Braga. Entre os destinos portugueses tamén participan como expositores as Illas Azores a través da Cámara de Industria e Turismo de Angra do Heroísmo.

Esta primeira xornada celebrou ademais unha xanela de shoowcookings e catas comentadas que se impartiron tanto nas dúas aulas gastronómicas como na de Estrela Galicia como na de catas comentadas. A estas actividades hai que sumar as catas realizadas na propia caseta de Experiencias de Calidade de Galicia da Consellería do Medio Rural ou a decena de exhibicións culinarias que realizaron os alumnos de distintos centros de formación na caseta de Formación Profesional.

Polo que respecta á restauración, Xantar 2025 ofrece a posibilidade de elixir entre tres restaurantes con menú pechado composto de produtos de calidade (Inorde e dous da comarca de Valdeorras) e as distintas tapas dispoñibles no Mercado Enogastronómico. Esta é a gran novidade desta edición. Neste espazo poderán atoparse unha ducia de postos cun comedor central no que o visitante pode elixir entre comida venezolana, mexicana, peruana, portuguesa e, por suposto, galega. Dentro da gastronomía galega, este mercado ofrece opcións como polbo á galega, mariscos, callos, empanada, queixos, embutidos, xeados e sobremesas… e para beber o espazo contará cunha barra de Estrela Galicia e un espazo con viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia. Este Mercado conta coa colaboración dos hostaleiros asociados á UHO e é unha excelente oportunidade para promocionar a oferta hostaleira da cidade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------