O ciclo ‘CatArte’ ofrece unha degustación de viños de Adegas Casal de Armán cunha picada musical

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Adegas Casal de Armán ofreceu onte, na segunda sesión do ciclo “CatArte”, unha degustación e presentación de tres dos seus viños brancos máis representativos: o plurivarietal Casal de Armán e os monovarietales de Treixadura con crianza, Pepe Carrasca e Armán Leira Misenhora.

O catador da adega, Pedro Botana, foi o encargado de guiar a completa e animada cata, acompañada por unha picada musical da man dun disc-jockey. O evento, con aforo completo, incluíu a degustación con explicación pormenorizada dos tres viños, harmonizados coa música seleccionada para a ocasión e mesturada polo DJ Álvaro Alonso, de VerbenaDisco e celebrouse novamente na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde se mantén a exposición ‘A música do silencio” que rende homenaxe a Vidal Souto (1948-2021), inaugurada a semana pasada.

Nesta undécima edición continuouse coas catas solidarias e todo o recadado coa venda de entradas solidarias irá dirixido integramente para a Asociación Diabética Auria de Ourense. Entidade sen ánimo de lucro constituída no ano 2002 que ten por misión reunir ás persoas con diabetes da provincia de Ourense e ás súas familias, coa finalidade de mellorar as súas condicións de vida e defender os seus dereitos sanitarios, educativos e sociais.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Viño e arte

O ciclo celébrase durante tres xornadas non Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, desde o 13 de novembro ata o 27 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con actuacións musicais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as entradas solidarias, cun custo de 5€ por persoa, véndense a través da plataforma en liña “Entradium”.

Para finalizar esta undécima edición, o broche final poñerao o xoves 27 de novembro Adega Alanís, que fará unha degustación de tres dos seus viños en harmonía gastronómica con produtos de Galicia Calidade xunto coa actuación musical da banda ourensá Besbellos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------