Desde o Grupo municipal do BNG denuncian as continuas dificultades e o obstruccionismo do Goberno Local ao longo de todo este tempo á hora de acceder a toda a información relativa ao accidente sufrido por Lorenzo o pasado mes de xullo.
Ourense, 28 de novembro de 2024. O pasado 18 de xullo, o Concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense Francisco Lorenzo, un dos máis estreitos colaboradores de Jácome desde a súa chegada á alcaldía, sufría un aparatoso accidente de tráfico nunha rúa do barrio da Ponte. Como consecuencia do mesmo, danou parte do mobiliario urbano e puxo en risco, tal e como manifesta a Policía Local no seu atestado, tanto a súa propia vida como a do resto de persoas que circulaban nese momento pola zona. A maior abastanza, rematou dándose á fuga antes da chegada ao lugar dos axentes.
Para o BNG, o acontecido é da suficiente entidade como para que “Lorenzo tivera presentado a súa dimisión ese mesmo día, algo que evidentemente no fixo, o que da mostras da catadura moral desta persoa”. Máis para o Portavoz municipal Luís Seara, “sorprende que o Alcalde non soamente non o cesara inmediatamente senón que, xunto ao Concelleiro de Seguridade, fixeron o posible ao longo de todos estes meses para obstaculizar e impedir que se coñecera o acontecido”.
Seara denuncia que desde o Grupo municipal do BNG, “solicitouse en reiteradas ocasións acceso aos diferentes expedientes abertos, recibindo continuas escusas para non facilitalos”. Finalmente e logo de moita insistencia, o BNG ven de coñecer a resolución do expediente que conclúe con dúas sanción administrativas. Unha de 200 euros por non colaborar cos axentes da Polícia Local actuantes e non facilitar a súa identidade e outra de 500 euros máis 6 puntos de retirada do carné, por conducción temeraria e que soamente tivo efectos na parte económica, triplicándose esta até os 1.500 euros por non identificar ao conductor. Ao tempo, segundo tamén puido saber o BNG, “estase a tramitar un expediente por danos patrimoniais debido aos estragos causados no mobiliario urbano”.
Os nacionalistas insisten no cese de Lorenzo pois “os feitos entendemos que son de extrema gravidade á vista do relatado no atestado”. Por iso desde o BNG pregúntanse “que razóns de peso pode ter Jácome para non cesalo?”.
Seara advirte en todo caso que a estas alturas e visto que non houbo nin cese nin dimisión, “os únicos que poden pór fin a esta situación, que non deixa de ser unha mostra máis do que é de como actúa o actual Goberno de DO, son os que por activa ou por pasiva permiten que persoas, entre as que destaca o Alcalde, teñan comportamentos antiéticos e impropios de quen ostenta unha representación pública continúen á fronte desta institución”.