O Concello do Carballiño conmemora o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, cunha programación que aposta pola música e o teatro para concienciar á poboación. No acto de presentación desta mañá, Diego Fernández, concelleiro de Cultura e Benestar Social, recordou o compromiso do goberno local coa erradicación da violencia machista e puxo en valor o papel das profesionais do Centro de Información á Muller (CIM): “O traballo do CIM durante todo o ano é fundamental para protexer e asesorar ás mulleres”. O edil, que estivo acompañado por dúas traballadoras deste departamento, tamén animou á veciñanza a denunciar todo tipo de violencia de xénero e lamentou o aumento do acoso a través das redes sociais, para o que pediu “tolerancia cero”.
A programación céntrase na propia xornada do 25N, o próximo martes, que arrancará ás 12,00 horas no salón de plenos coa lectura do manifesto institucional por parte da concelleira de Igualdade, Silvia Baranda. O acto, presentado por Chus Otero, contará coa presencia dos centros educativos do Carballiño, así como de colectivos como Aspadisi, Cruz Vermella, Asdifica ou asociacións de mulleres. “Contaremos co grupo As Riscadeiras, composto por mulleres, e coa actuación musical de Marta Bravo, veciña de Seoane, xunto con Sérgio Tannus”, destacou Fernández.
O venres 28 de novembro, a programación continuará co espectáculo teatral “Corazón” da actriz Iria Sobrado, nada no Carballiño. A performance terá lugar na Praza de Abastos ás 12,00 horas. A mesa de coordinación para a mellora de atención ás vítimas de violencia de xénero, o día 12 de decembro, completa a programación. A reunión permitirá analizar a realidade actual do Carballiño en materia de violencia machista, así como os retos pendentes.
Diego Fernández tamén fixo fincapé na importancia de traballar coas novas xeracións. Nese sentido, recordou o proxecto “Conectade@s” da Asociación Aliad Ultreia, realizada o pasado 10 de novembro co alumnado do IES Chamoso Lamas. “É moi necesario seguir traballando coas novas xeracións, porque así traballamos para lograr un futuro mellor”, apuntou.
















