A escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé gaña o Premio de Novela Blanco-Amor na XLIV edición, a de máis propostas recibidas na historia do galardón

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cecilia F. Santomé – (Autora da foto – Te Valcárcel)

O xurado recoñece a obra “Boundaries Road SW12 8HD”, que resultou gañadora de entre os 75 orixinais presentados

Os membros do xurado valoraron a temática da novela, que se achega á nova emigración a Europa, así como o ton de “alto ritmo” adoptado na obra

O premio, o de maior prestixio de novela en galego, será entregado o próximo 5 de decembro nunha gala literaria no Centro Cultural Marcos Valcárcel

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 24 de novembro de 2025

A escritora vilalbesa Cecilia F.  Santomé é a gañadora do XLIV Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor, dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano, pola súa obra “Boundaries Road SW12 8HD”, que narra a historia de Cilla, unha tradutora galega de 30 anos emigrada en Londres que aluga unha habitación na casa dunha parella acomodada.

Xurado do premio Blanco Amor

A novela gañadora foi seleccionada de entre un total de 75 orixinais presentados a este certame, o número máis alto de escritos presentados na historia deste premio, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega. Tal é a relevancia do premio, que tres dos galardoados foron despois recoñecidos co Premio Nacional de Narrativa (Marilar Aleixandre, Xesús Fraga e Alfredo Conde).

O presidente da Deputación, Luis Menor, como entidade que organiza este galardón en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor- deulle os parabéns a autora nunha conversa telefónica. Entregaráselle o premio nunha gala literaria o próximo 5 de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O xurado, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, valorou o estilo “moderno” da obra, que dialoga coa literatura actual. Para os membros do xurado, sobresae a “creación dun universo narrativo con gran pegada poética”, así como as personaxes “elaboradas con moita coherencia”.

A transición da historia doméstica da protagonista en Londres entronca coa historia do éxodo xudeo de Exipto, unha conexión que para os membros do xurado lle dá “gran profundidade á obra”.

Por outra banda, o xurado puxo en valor a “introdución da corrente de conciencia da narradora” e a temática da obra, que se achega á nova emigración a Europa e se desenvolve cun ton “de alto ritmo”, en palabras do xurado.

O fallo tamén recolle a voz narrativa “neurótica, culta, irónica e introspectiva” da narradora, Cilla. Ademais, pon en valor unha prosa “moi condicionada, cun vocabulario rico e un ritmo que oscila entre a descrición minuciosa e a reflexión filosófica”. Deste xeito, a obra recolle referencias culturais a Stendhal, Picasso ou a música ska.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

O xurado foi presidido por Luis González Tosar, xunto con Heitor Mera, César Lorenzo e Inés Mosquera, actuando como secretaria Noelia García Díaz.

A gañadora

Cecilia Fernández Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista. Ten participado en proxectos de xornalismo colaborativo como “Toonari Post” ou “55 Pages”, ademais de codirixir a revista en liña “Coolt”.

En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato «34, Rue Saint Jacques». En 2021, obtivo o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por “As orfas daquel verán”. Tamén é autora das novelas “Quérote. Eu tampouco» (Xerais, 2019), “Unha rapaza de provincias” (Xerais, 2021) e “As despedidas” (Xerais, 2024).

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------