A Policía Local do Carballiño inicia unha campaña de concienciación entre a veciñanza para dar a coñecer a normativa sobre Vehículos Personais Lixeiros (VPL) -patinetes eléctricos, bicicletas con asistencia, segways e similares-, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026. Os axentes reforzarán nas próximas semanas os controis sobre este tipo de vehículos co obxectivo de garantir a seguridade viaria e mellorar a convivencia de peóns e conductores nas rúas do Carballiño. Nese sentido, cabe destacar que a Policía Local xa denunciou e retirou varios patinetes nos últimos meses por non cumplir coa actual normativa.

O uso de VPL é cada vez maior entre a poboación, o que está a causar certas dificultades de convivencia en estradas, beirarrúas e zonas peoniles. A campaña da Policía Local permitirá achegar a conductores e peóns información sobre as obrigas dos VPL a partir de xaneiro, tales como circular unicamente pola calzada, contar cun seguro de responsabilidade civil, respetar as sinais de tráfico e os semáforos, utilizar chalecos reflectantes en condicións de pouca visibilidade ou non circular baixo os efectos do alcohol ou de substancias estupefacientes.
Os axentes tamén revisarán que os VPL conten co correspondente certificado de uso, o que asegura que cumpre as normas de homologación e que pode circular polas vías públicas. Ata o de agora xa se detectaron varios vehículos comprados como patinetes eléctricos pero que polas súas características eran ciclomotores, o que obriga a contar dun permiso de condución AM para poder utilizalos.
















