Álvaro Vila denuncia que este fito representa “a culminación do tipo de política que o PP aplica na provincia” e anuncia que “a decisión marcará un antes e un despois nas relacións co PSdeG”
O alcalde deposto, Amable Fernández, arremete contra a presunta “ingobernabilidade” alegada polo PP e reivindica que nas últimas eleccións o PSOE pasou “de tres a cinco concelleiros”
Os socialistas esixen que Luís Menor asuma responsabilidades ao admitir que o PP “aceptou” o apoio de concelleiros que abandonaron o grupo socialista, vulnerando o Pacto Antitransfuguismo
Ourense, 24 de novembro de 2025. O Grupo Provincial Socialista presentará no próximo pleno da Deputación de Ourense unha moción contra o transfuguismo político tras consumarse hoxe en Manzaneda unha moción de censura apoiada en dous concelleiros que se presentaron nas listas do PSdeG-PSOE ás eleccións municipais de 2023. O secretario provincial do PSdeG-PSOE e voceiro socialista na corporación provincial, Álvaro Vila, asistiu ao pleno extraordinario xunto con representantes da súa executiva, alcaldes e numerosa veciñanza de Manzaneda para denunciar “unha moción esperpéntica, apoiada en dous tránsfugas que foron nas listas do PSOE e avalada polo PP”.
Vila cualificou a moción de censura como “a culminación do tipo de política que o PP aplica na provincia, baseada no desleixo da opinión da veciñanza”, que concedeu nos comicios unha maioría absoluta ao PSdeG-PSOE con cinco concelleiros fronte aos dous da formación conservadora. O secretario provincial destacou á saída do pleno extraordinario que se saldou coa deposición de Amable Fernández que “algún concelleiro mesmo non sabía o que tiña que votar”, evidenciando as contradicións internas dunha operación política que o PSOE considera contraria aos principios democráticos e ao Pacto Antitransfuguismo que o propio PP subscribiu.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O voceiro socialista avanzou que “esta decisión marcará un antes e un despois nas relacións entre o PSdeG e o PP na provincia” e aproveitou para anunciar que o Grupo Provincial Socialista rexistrou unha moción na Deputación de Ourense denunciando estas prácticas que supoñen “o incumprimento por parte da dirección do PP do pacto acordado entre todos os grupos políticos”. A iniciativa esixe ao presidente da Deputación, Luís Menor, que clarifique a súa posición e asuma responsabilidades tras admitir publicamente que o PP de Ourense “aceptou” o apoio de dous concelleiros que abandonaron o grupo socialista, recoñecendo expresamente a vulneración do Pacto Antitransfuguismo.
Fernández desmonta a falacia da “ingobernabilidade”
O alcalde destituído, Amable Fernández Basalo, rexeitou con contundencia os argumentos esgrimidos polo PP para xustificar a moción sobre a suposta “ingobernabilidade” do Concello de Manzaneda. “Din que é por ingobernabilidade, cando na lexislatura pasada tiñamos tres concelleiros e estabamos en minoría e xa fomos quen de sacar adiante ao municipio en plena situación de pandemia”, afirmou o xa ex rexedor socialista. “Tan mal non o debemos facer cando nas últimas eleccións municipais o PSdeG-PSOE pasou de tres a cinco concelleiros”, fincou Fernández.
O alcalde deposto reivindicou ademais a xestión económica realizada durante o seu mandato: “Agora fomos quen de recibir uns 900.000 euros entre Xunta e Deputación. Son datos. É un récord”. Fernández cuestionou a lexitimidade democrática da nova maioría: “A xente volveunos apoiar de xeito masivo, pois agora que se deixen estar ao lado”. O socialista advertiu sobre as dificultades que enfrontará o novo goberno do PP sustentado en tránsfugas e avanzou que o seu equipo volverá presentarse ás próximas eleccións municipais: “Dentro dun ano e medio a xente falará, porque xa lle adianto que nós imos presentarnos”.
Instar ás institucións a pronunciarse e adoptar medidas
A moción socialista afirma que a moción de censura de Manzaneda constitúe un suposto inequívoco de transfuguismo segundo o Pacto pola Estabilidade Institucional, constatando que o presidente Luís Menor admitiu publicamente a vulneración deste compromiso e ratifica o apoio da Deputación ao Pacto, ao que a institución se adheriu por unanimidade hai menos de catro anos. O devandito Pacto establece de xeito categórico que os partidos se comprometen a “rexeitar e non admitir” a concelleiros que abandonaron o suxeito político que os presentou ás eleccións, sen excepcións.
Os socialistas instan á Comisión de Seguimento do Pacto, ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública e á Federación Española de Municipios e Provincias a pronunciarse sobre o caso de Manzaneda, adoptando as medidas correctoras que correspondan. “O transfuguismo constitúe unha das formas máis lesivas de corrupción institucional ao desvirtuar a vontade cidadá expresada nas urnas, sendo nomeadamente grave cando, coma neste caso de Manzaneda, quen admite publicamente estas prácticas é o propio presidente da Deputación”, concluíu Vila.

















