A opinión de Cristina Martínez Penas: “A mirada simbólica de Lola”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cristina Martínez Penas: Alumna de 4º curso do Grao CAV, Universidade de Vigo

María Dolores Veleiro Alemparte (1959-2024) foi unha muller cunha enorme paixón pola fotografía e a pesar de que ela mesma non se definise como fotógrafa, ao longo da súa vida conseguiu elaborar un conxunto de creacións cunha orixinalidade e creatividade propia dun profesional.

Lola, quen viviu numerosos acontecementos importantes da súa vida acompañada dunha cámara, retratou innumerables imaxes caseiras que mostraban a cotiandade dos seus arredores, cun ton lixeiramente poético. Desta forma, capturou momentos relativos a festas populares, paisaxes e eventos significativos dos seus días.

O libro “As fotos de Lola” reúne fotografías de case catro décadas onde a autora perfecciona a súa afección ao longo dos anos da man de diferentes máquinas, comezando pola Kodak M2 Instamatic e rematando coa chegada dos dispositivos móbiles actuais, que permitiron un transporte máis sinxelo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O libro iníciase cunha breve historia que resume detalles da vida de Lola, relatada polo seu marido Miguel Anxo Fernández. Este texto introdutorio permite ao lector adentarse na vida da autora e chegar a mirar a través dos ollos da fotógrafa, entender os seus obxectivos con cada instantánea e apreciar os momentos que ela considerou relevantes para deixar á historia. Con isto comprendemos tamén o valor que Lola daba aos momentos e ao que tiña diante dos ollos.

A pretensión da muller menciónase nas primeiras páxinas: “me interesa la realidad del momento, quiero captar instantes para la historia, que queden en la memoria, de familiares, de la vida del pueblo, de lugares que ya no existen”. Con este propósito, a muller logrou establecer unha liña temática onde o bonito recae na espontaneidade do momento, transformando así o cotián nunha traxectoria emocional da súa viaxe social.

Cada imaxe compleméntase cunha frase descritiva que a acompaña e, así mesmo, a dota de significado, desta forma o lector obtén unha mirada máis aberta do que quería transmitir a fotógrafa.

A maxia dos retratos, as vistas e as festividades que son protagonistas do libro repousa na estética da proximidade adoptada pola autora, ademais do seu atrevemento a innovar obtendo perspectivas orixinais como, por exemplo, as imaxes desde altos edificios que asemellan o labor dos actuais e modernos drons, anticipándose así a modernidade.

Pódese apreciar, por outra parte, o conxunto da súa obra como unha mostra do paso do tempo, e a modificación constante da sociedade, comezando polo paso das fotografías en branco e negro ás de cor, adquirindo unha nova mirada que ofrecía máis detalle. Obsérvase como as persoas envellecen e os lugares cambian, como as imaxes da demolición do Cine Alameda no ano 2000.

No transcurso do libro aparecen, ademais de persoas importantes para Lola, personalidades recoñecibles como o presidente e os académicos da Real Academia Galega no 1985; e eventos significativos para a cultura galega como a Rapa das Bestas.

Deixando o mellor para o final, cabe destacar o protagonismo dun elemento, presente en todas as imaxes, e o que posiblemente inspirou a Lola para comezar coa súa reportaxe fotográfica: o fogar. Todos e cada un dos momentos nos que a muller decidiu capturar coa cámara o que estaban a ver os seus ollos representan a identidade galega, dándolle especial importancia á presenza de O Carballiño, lugar onde comezou e rematou a súa historia.

Desta forma, o fogar non é so un lugar de residencia, un pobo cos seus edificios e as súas prazas; senón que é un concepto que reúne as lembranzas, a familia e amigos e as pequenas rutinas que sosteñen unha vida. O Carballiño é o núcleo das historias, as memorias e os instantes fugaces e momentáneos que a autora busca preservar no tempo.

Finalmente, é importante mencionar o valioso do traballo de Lola nesta recompilación de momentos a través da cámara, deixando a un lado outras grandes labores que realizou profesional e persoalmente. Estas fotografías domésticas recordan que non é o complicado ou o profesional o que ten maior significado ou simbolismo, senón que é imprescindible mirar de cerca o que pasamos por alto, e apreciar os detalles que semellan máis insignificantes. É esencial a dedicación e o cariño que puxo ás súas imaxes e, sobre todo, conseguiu aportar a súa mirada persoal do seu entorno máis cotiá.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------