Carmen Rodríguez Dacosta critica que a Xunta aprobara onte a planificación contra os lumes que tiña que estar aprobada antes do 31 de outubro do ano pasado
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou hoxe de que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais -Pladiga- que aprobou onte a Xunta “chega tarde” cos montes cargados de biomasa a modo de “combustible” para o verán. Lembrou que o documento presentado onte tiña que estar aprobado dende antes do 31 de outubro, polo agora é un documento “inservible”.
A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento -que se debateu hoxe pero será votada mañá mércores- para reclamarlle ao goberno galego que cumpra coa Lei e presente o Pladiga en prazo. Criticou que o documento sexa un “copia e pega” de anos anteriores que demostra que “a única preocupación é a de maquillar a realidade e enganar á cidadanía”.
Subliñou que “de pouco sirve se o aproban xa case entrada a época de alto risco de incendios, como sucede ano tras ano”, actuando sen planificación baseada en estudos técnicos e deixando ao rural “plenamente exposto”. Criticou o “modus operandi” do goberno galego, que ano tras ano agarda a ter os montes cargados para aprobar o documento, como sucedeu no ano 2022 e 2023, cando o presentaron no Consello Forestal a finais de abril, e este ano agardaron ata o 23 de maio.
Acusoulles de “mentir” ao contabilizar 7.000 operarios no operativo de extinción de incendios, a realidade é que a maior parte das prazas non están a disposición ou están vacantes durante anos, co que o dispositivo non chega á metade da cifra oficial, con menos de 3.000 persoas.
Dacosta comezou lembrando as desafortunadas palabras da conselleira do Medio Rural, cando dixo que os lumes rexistrados en Galicia “son probablemente intencionados e van no ADN de Galicia”, unhas declaracións “insultantes” que denotan “resignación e acomodamento á situación actual cunha explicación inaceptable, asumindo con naturalidade que Galicia vai seguir ardendo”.
Afeoulle ao goberno galego que aposte “só pola extinción” e esixiu que “se preocupen pola prevención e pola xestión do territorio” como ferramenta preventiva, cun rural “vivo, activo e en produción” como mellor ferramenta complementaria a un goberno que aposte pola silvicultura preventiva e a paisaxe en mosaico. Dixo que parar a “sangría de peches” de explotacións constitúe “o mellor corta lumes”.