Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

Hai dous anos, por esta mesma data, informei dun debate no metaverso no que participou un selecto elenco de filósofos de todos os tempos, debate que foi retransmitido pola primeira canle do metaverso. Dous anos despois, foi convocado un novo debate que vai ser retransmitido non só pola primeira canle metaversal, senón polas canles metavérsicas da Idade Antiga, da Medioeva, da Moderna, da Contemporánea e da Posmoderna. É esta última a que manifestou gran interese en ofrecela por ser os posmodernos e os seus críticos quen van ter un rol privilexiado no coloquio. Lembremos o estrondo, o fragor, o escintileo e algarabía con que despediron hai dous anos a Bertrand Russell despois do seu excelente alegato en defensa da filosofía. Houbo un conato de rebelión polo grupo representante dos posmodernos ao non poderen participar no debate daquela festividade porque o tempo non dera para máis. Con todo, Sócrates, que presidía a mesa do debate, tranquilizounos prometéndolles que serían eles os primeiros en intervir na festa da filosofía de 2024. E desa maneira, Baudrillard, Vattimo, Derrida, Lyotard e Deleuze, que eran os máis alporizados, entraron en razón.
Así que o debate deste ano preséntase interesante, esperando ademáis que a resolución e nitidez das imaxes retransmitidas rocen a perfección por seren as cámaras retransmisoras produto combinado da Intelixencia Artificial e da Mecánica Cuántica.
A presidencia da mesa correspondeulle nesta ocasión a Immanuel Kant, cos votos a favor dos filósofos modernos e da filosofía antiga, pero coa abstención da filosofía medieval e a oposición dos posmodernos. Empeza o debate.

Inmanuel Kant felicita aos asistentes e, inmediatamente, abre a sesión dando a palabra a Jesús Mosterín, que é un dos últimos integrantes en incorporarse ao metaverso (no ano 2017), para que centre o debate da filosofía posmoderna e explique os seus principios comúns.
De contado, con paso presto, Mosterín avanza de cara á tribuna desde o fondo do maxestoso auditorio, para iniciar a súa intervención:
“A filosofía posmoderna ou posmodernismo é unha corrente filosófica que asume ter excedido as ideas que caracterizaron á modernidade e á Ilustración. A filosofía posmoderna xurdiu sobre todo na década dos anos 1960, especialmente en Francia (o que os estadounidenses denominaron co nome de French theory). Este nome agrupa pensamentos que desenvolven unha forte crítica á tradición e á racionalidade propias da Modernidade occidental. A filosofía posmoderna propón novas formas de cuestionar e ler os textos e a historia, influenciada sobre todo polo marxismo, polas críticas de Kierkegaard e Nietzsche á racionalidade, pola fenomenoloxía de Husserl e Heidegger, polo existencialismo de Sartre, pola psicanálise de Freud e Lacan, polo estruturalismo de Lévi-Strauss, así como pola lingüística e a crítica literaria. O termo foi popularizado especialmente por Lyotard na súa obra A condición posmoderna. A filosofía posmoderna agrupa un conxunto de estudos críticos realizados entre os anos 1950 e 1980.
Respecto á filosofía moderna e ás súas tendencias universalistas e racionalistas, a filosofía posmoderna ou ben rexeita esas tendencias ou ben pretende tomar distancia delas para poder realizar unha mellor análise das mesmas. Os seus traballos, á súa vez, herdan conceptos dos pensadores da sospeita de finais do século XIX e principios do século XX (Karl Marx, Friedrich Nietzsche e Sigmund Freud). Así mesmo, a filosofía posmoderna desprégase noutros traballos do existencialismo, do posestruturalismo, do deconstrucionismo, do multiculturalismo e parte da teoría da literatura. Ademais, móstrase especialmente escéptica co desenvolvemento tradicional do discurso da filosofía, da literatura, da política, das ciencias, etc.
A filosofía posmoderna -continúa Mosterín- rompe en xeral coa primacía do suxeito e da razón. Así mesmo, rompe coas tradicións filosóficas e ideolóxicas europeas herdadas do Século das Luces, así como coa procura dun sistema racional universal como os que se daban no kantismo e no hegelianismo.
A posmodernidade cuestiona todos os principios esenciais da Ilustración coa conseguinte quebra das xerarquías do coñecemento, interesándose polos asuntos locais máis que polos universais. Outro aspecto posmoderno é a substitución do libro impreso pola pantalla da televisión, pasando así da palabra á imaxe, do discurso á figura, do logocentrismo ao iconocentrismo.
Remato a niña intervención resumindo os puntos característicos dos filósofos posmodernos en canto se opoñen á modernidade:
1º. En xeral, hai un manifesto rexeitamento á modernidade e aos seus metarrelatos. 2º. Cuestiónase a existencia de verdades absolutas. 3º. Non cren no progreso lineal. 4º. Rexeitan a idea dun suxeito ou identidade estable e unificada. 5º. Admiten diversidade de perspectivas e contexto social, cultural e histórico. 6º. Conceden enorme importancia á linguaxe na construción de significados e critican as dicotomías binarias tradicionais na ontoloxía occidental.
Un dos primeiros posmodernos foi Nietzsche, que anunciou no 1888 que o nihilismo estaba á porta. Esa afirmación implicaba que a verdade non era outra cousa que a solidificación das vellas metáforas no contexto da Ilustración. Por tal motivo, Nietzsche consideraba preciso fundir de novo esas metáforas para que se utilizasen como crenzas humanas dun determinado grupo social. Eu considero que Nietzsche tratou por todos os medios de baleirar as esperanzas da Ilustración. El está aquí para refutarme se non concorda comigo”.
Kant agradece a Mosterín a súa lúcida intervención e dirixíndose á asemblea comunica:
“É o momento de que interveñan os aludidos posmodernos para explicar as súas novas propostas e as súas críticas á modernidade”.
O primeiro que se sentiu aludido por Jesús Mosterín foi Jacques Derrida, quen pide a palabra, que lle concede o presidente.
“Vou intentar desmantelar as estruturas do pensamento moderno e revelar as contradicións e suposicións ocultas nelas. Quero demostrar que a linguaxe e o pensamento están intrinsecamente ligados a xerarquías e a dualidades (como home/muller, fala/escritura, verdade/falsidade), e que estas xerarquías son arbitrarias e poden ser desestabilizadas para revelar as ambigüidades e contradicións inherentes.
Eu introducín o concepto de “différance“, que se distingue do termo usual “différence“. A différance refírese a unha “diferenza” que vai máis aló da lingua falada e que implica unha constante deferencia e diferenciación entre conceptos. Isto significa que nada é idéntico a si mesmo, senón que sempre se diferencia de si e reenvía ao outro. Eu critico o fonocentrismo e a Metafísica Occidental defendida pola modernidade. Non comparto esa primacía da voz sobre a escritura; opóñome a ese “fonocentrismo” radical.
Hai que distinguir entre significado e linguaxe. A linguaxe non pode transmitir un significado obxectivo e estable. En cambio, o significado é sempre provisional e depende de contextos e perspectivas individuais. Isto desafía a noción dunha verdade absoluta e expón a importancia da interpretación e da subxectividade. Non comparto a idea dun suxeito autónomo e estable, porque o suxeito está sempre en proceso de construción e a súa identidade é fluída e fragmentada.
Así que propuxen deconstruír o logocentrismo que impón o primado da razón sobre todo aquilo que é irracional, así como o modo en que a razón se arroga o dereito para definir que é racional e que non o é. Este sistema logocéntrico está á súa vez axustado ao etnocentrismo, polo que o primado da razón sería ademais o primado da razón occidental. Ademais, o logocentrismo acaba transformándose en falogocentrismo, polo que o primado da razón, do logos, é á súa vez o primado do masculino.
Os posmodernos, tal como nos acaba de definir Mosterín, desconfiamos das dicotomías binarias que se estenden e dominan a ontoloxía occidental, como son as oposicións entre verdadeiro e falso, corpo e espírito, sociedade e individuo, liberdade e determinismo, presenza e ausencia, dominación e submisión ou masculino e feminino. A miña teoría da deconstrución é unha teoría da lectura que tenta minar a lóxica de oposición nos discursos. A deconstrución entende que o significado dun determinado texto é o resultado da diferenza entre as palabras empregadas, e non da referencia ás cousas que representan. É unha forma de ler a realidade dun modo distinto ao habitual, cambiando a perspectiva da lectura e reinterpretando os conceptos. Esta é a miña aportación ao debate de hoxe”.

Mario Bunge pediu ao presidente da asemblea intervir de inmediato. E sen demora recibiu a autorización de Kant.
“A deconstrución que nos acaba de definir Derrida é unha copia e tradución do concepto alemán Destruktion, un concepto central na obra de Heidegger, especialmente no seu libro Ser e tempo. Heidegger, aquí presente, utilizou o termo Destruktion para describir a destrución da historia da ontoloxía, unha operación destinada a desentrañar e criticar os erros e suposicións da ontoloxía occidental.
A Destruktion de Heidegger implicaba unha decodificación crítica da historia da ontoloxía para revelar os seus erros e suposicións. Derrida adaptou este método para analizar textos de maneira que se revelen as contradicións, aporías e significados ocultos ou diferidos. Isto tradúcese nunha lectura crítica que desnaturaliza os conceptos e cuestiona as interpretacións hexemónicas.
Heidegger, xunto con Hegel e Husserl forman a “H” fatídica da filosofía. A vulneración e negación da ontoloxía por parte dos posmodernos é consecuencia da eliminación da ontoloxía por parte deses tres pensadores”.
Heidegger quixo intervir por alusións, mentres Hegel e Husserl nin se inmutaron ante a intervención de Mario Bunge.
“Eu -explica Heidegger- utilicei a expresión ”Ontoloxía fundamental” intentando lograr que a Metafísica volvese ao seu fundamento. Pero interpretóuseme mal. A miña idea era atopar ese fundamento na Analítica existencial analizada en Ser e tempo. E aí ubiquei o Dasein (o ser aí, o ser humano) como única físgoa de fundamentación metafísica”.
O presidente, Immanuel Kant, advertiulle a Heidegger que non explicase a súa teoría sobre a ontoloxía, xa que a concesión da súa intervención era só para replicar a Bunge e non para explicar a súa filosofía. Así que Kant apercibiu a Heidegger que finalizase a súa intervención. E, deseguido, asignoulle a quenda a Michel Foucault.
“Estamos na festividade da filosofía, comezou a súa intervención Foucault. Pero parece que estamos nun debate permanente entre filósofos e teorías. Quero centrarme nun aspecto concreto da filosofía que preocupa actualmente aos habitantes da caverna terrestre (do planeta Terra). Eu entendo a filosofía baixo un enfoque crítico-histórico, que busca entender como xurdiu o coñecemento e que regras e réximes de poder o sustentan. Céntrome nas descontinuidades e rupturas na historia do pensamento en lugar de buscar continuidades e progresos lineais. Isto permíteme mostrar como o coñecemento humano está historicamente condicionado e como cambian as formas de pensamento en diferentes períodos históricos. Procuro atopar unha análise profunda do poder, do saber e da normalización, e como estes conceptos se interrelacionan para moldear a sociedade e os individuos dentro dela.

Na miña opinión, o saber e a verdade están intrinsecamente ligados ao poder. Penso que eu revolucionei a maneira en que se entende o poder, afastándome das tradicionais visións marxista e liberal. Para min, o poder non é unha propiedade estática posuída por individuos ou grupos, senón unha rede dinámica de relacións que se exercen en todas as esferas da vida social. O poder establécese a través de relacións sociais, como as que existen entre pais e fillos, profesores e alumnos, ou médicos e pacientes. Estas relacións son cambiantes e flexibles, e están influenciadas por relacións de saber. Eu describo na miña obra Vixiar e castigar como o poder se exerce a través de prácticas disciplinarias como son a vixilancia, a normalización e a clasificación, creando suxeitos dóciles e conformes ás normas establecidas. Introducín os conceptos de biopoder e biopolítica para describir como o poder se enfoca en regular a vida biolóxica da poboación. Co concepto de biopoder refírome aos intereses e prácticas que buscan controlar e regular a vida biolóxica da poboación, especialmente na época actual da caverna terrestre. Isto inclúe a optimización da vida social baixo o capitalismo. E co termo biopolítica procuro explicar que é a forma en que o biopoder se implementa, tentando que os suxeitos se autorregulen e autocontrolen. Analizo estas ideas contrastando a forma de aplicarse en institucións como son os cárceres, manicomios e outros espazos sociais.
Ademais, xustifico que o poder non só controla e regula as accións dos individuos, senón que tamén define que é verdade e quen ten autoridade para producila. Isto lógrase a través de prácticas discursivas e sociais que establecen o que se considera lexítimo e válido nunha sociedade. A verdade, por tanto, non é obxectiva, senón historicamente condicionada e ligada ás estruturas sociais e políticas de cada época.
Para completar a miña intervención e a explicación da miña teoría sobre o poder, a verdade e a política, remato con outra idea fundamental para entender todo o anterior: é a idea da normalización. A normalización é un concepto central que se refíre a como o poder define e impón normas para controlar aos individuos. É a normalización institucional. Os individuos son moldeados por múltiples institucións (familia, escola, igrexa, empresa) que lles inculcan normas para formar parte dunha sociedade produtiva. Este proceso de normalización é esencial para que os suxeitos se axusten aos roles sociais asignados. A normalización realízase a través da linguaxe e os discursos que se crean e circulan baixo determinadas condicións sociais. O poder tenta naturalizar estes saberes para evitar o seu cuestionamento. Esta é a miña aportación neste día da filosofía”.
Immanuel Kant agradeceulle a Foucault a súa exposición e a claridade das súas ideas. Logo, concede un pequeno descanso para despois duns minutos poder continuar co debate.
Outros artigos de Avelino Muleiro:
Avelino Muleiro: ” A terapia da paciencia “
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (II)”
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (I)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (II)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (I)”
Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”
Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””
Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “
Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”“
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.