O Grupo Cer&Ber é o promotor dos Premios Arenteira que cada ano, e xa son 14, selecciona un xurado de expertos presidido polo historiador Xosé Luis Sobrado e cos que se valoran as traxectorias de persoas e entidades nos eidos cultural e deportivo e tamén se recoñece o traballo de persoeiros que xa nos deixaron e o esforzo do estudantado que debe superar os seus problemas de saúde, todos eles vencellados ás comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
Nesta edición, os integrantes do xurado decidiron conceder o galardón en Deporte á Escola Madokoan, fundada no 1997 por Claudio Mateo, e que xa é todo un referente nacional nas disciplinas marcíais do hapkido e o jiujitsu, ademais de manter unhas óptimas instalacions adicadas á ximnasia.

No eido de Cultura e Investigación correspondente a 2025, prémiase a traxectoria empresarial de Ernesto Romero á fronte do seu Novocine de Leiro, unha sala de proxección –a única nas comarcas do Ribeiro e Carballiño- con máis de 40 anos de historia e que foi pioneira no cine dixital en 3D.

A título póstumo, o xurado lembra a Antonio Rey Cornide, pola súa implicación en participar e promover actividades culturais na vila do Arenteiro, tanto á fronte da Coral Polifónica Casino do Carballiño e do Coro de Cámara ‘Música Viva’, como no seu papel de actor no grupo de teatro Tiruleque.

Finalmente, o galardón de Esforzo e Superación é para Icía Nogueira Crespo, unha xove estudante de 2º de ESO no Instituto de Ensino Secundario (IES) Nº 1 do Carballiño que con valentía e coa axuda da súa familia afronta un alto grao de discapacidade que non lle impide a súa adicación educativa.

A gala de entrega destes ‘XIV Premios Arenteira’ terá lugar mañá venres, 28 de novembro, a partir das 20,30 horas, no Auditorio Manuel María do Carballiño. O acto será conducido por Raquel Domínguez, presentadora carballiñesa en Televisión de Galicia (TVG) e contará coa amenización musical da agrupación folclórica Tor e da cantante Mercedes Rodríguez, do grupo Leilía.
Así, o Auditorio do Carballiño converterase nun punto de encontro aberto e de acceso libre para toda a veciñanza que desexe asistir a esta gala e desexe arroupar ás persoas galardoadas nesta 14ª edición dos Premios Arenteira.

















