O BNG cualifica o Orzamento 2026 da Xunta de “continuista e pouco ambicioso con Ourense”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés enunciaron as emendas presentadas a unhas contas que segundo indicaron “volven a abandonar a Ourense e que non responden ás necesidades da cidade”

Ourense, 26 de novembro de 2025. A deputada Noa presas, o deputado Iago Tabarés así como a Concelleira Erea Blanco e o Concelleiro de deputado provincial Xosé Manuel Puga, comapreceron en rolda de prensa para dar conta das emendas presentadas ao Proxecto de Orzamento da Xunta de Galiza para o vindeiro ano 2026.

Iago Tabarés comezou sinalando que “estes orzamentos cumpre co obxetivo que a Xunta tiña pretendido que non era outro que presentalos en prazo, algo que non ten moito mérito tendo en conta que teñen maioría absoluta” e engadiu, “son unhas contas que non pretenden nin afrontar os retos nin as necesidades que ten Ourense”. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O deputado por Ourense lembrou unha vez máis a partida adicada ao tan amplamente cacarexado novo edificio administrativo do Goberno galego para o cal, “adican dous millóns de euros para un proxecto no que durante os últimos cinco anos non se fixo absolutamente nada”. 

Tabarés centrou boa parte da súa intervención en destacar a situación na que se atopa a vivenda en Ourense, sen dúbida “un dos principais problemas sociais e un dos grandes retos para calquera administración. Somos líderes en vivenda baleira de todo o país con quince mil e diante desta situación, a proposta do Goberno galego é un proxecto piloto de facer baixos como infravivendas”.

Iago Tabarés avanzou cal é a proposta do BNG, baseada “nun modelo de cidade na que se poida vivir e traballar e para vivir e traballar, partindo das potencialidades dos valores que ten esta cidade, o manido termalismo, a zona histórica, o comercio local, así como apostar polos servizos públicos”.

Emendas do BNG.

Pola súa banda, a deputada Noa Presas deu conta das emendas presentadas pola Formación nacionalista durante a tramitación do proxecto de Orzamento. Presas comezou destacando, en materia deportiva, a necesidade de corrixir as deficiencias acumuladas no Pavillón dos Remedios pese á recente reforma de preto de dous millóns de euros así como as detectadas no Estadio do Couto, un “estadio que pese ao investido, segue sen ser funcional, cómodo e accesible”. Apostar pola construción dun pavillón específico para as distintas disciplinas asociadas á ximnasia tamén forma parte das emendas presentadas polo BNG.

En materia de infraestruturas, Presas sinalou que “non é concebible como en pleno ano 2025 haxa zonas do perímetro rural de Ourense que carezan aínda de saneamento como é o caso de Palmés”. Igualmente, e no tocante ao proxecto de conexión da conexión da N-525 co CHUO, Noa Presas adiantou que “incluímos unha emenda para garantir o trazado íntegro do vial de conexión entre a N-525 e Barrocás, cuxa execución permitiría optimizar os accesos ao CHUO e reducir o tráfico e a saturación das rúas Marcelo Macías e Ramón Puga”.

O soterramento da Avda Otero Pedrayo tamén foi obxecto de emenda por parte das nacionalistas. Presas advertiu a este respecto que “o anuncio da Xunta de que vai converter esa chapuza en corredor verde contra o cambio climático é unha tomadura de pelo. Despois de enterrar diñeiro público para facer dúas rotondas e cortar árbores é hora de que rectifique, que se soterre a Avda e que se aposte verdadeiramente por renaturalizar o espazo”.

En materia sanitaria, Noa Presas foi clara e contundente, “o PP pode dicir misa pero nestes orzamentos non hai unha soa partida que recolla un Centro de saúde novo. Insistimos no do Vinteún, demanda histórica, máis tamén en melloras do ámbito hospitalario como é xeriatría, a unidade infanto-xuvenil, a incorporación de 100 psicólogos en todo o país así como a creación da unidade “Muller e Saúde” para garantir a abordaxe de xénero na atención sanitaria”.

No tocante á vivenda, desde o BNG sinalan que “estamos diante do elemento central das emendas no conxunto do país e tamén para Ourense. O PP fai promesas que ninguén cre. Hai tres anos prometeron 1.800 vivendas públicas máis en 2026, estamos ás portas e non cumpriron. Agora lanzan nova promesa de 4.000, da que din que hai 2.800 en marcha, pero en realidade en fase de construción só hai 1.000”. 

“Pedimos ao PP que pare de mentir e que se poña a traballar para o cal incorporamos unha batería de emendas das que 23,7 millóns de euros estarían territorializados en Ourense pois é preciso un cambio de rumbo no que a Xunta desenvolva un programa intensivo de compra de vivenda así como para un novo modelo de vivenda protexida. Cómpre axudar á xente fronte ao modelo do Partido Popular de minipisos e baixos comerciais nos que ninguén quere vivir”.

Finalmente o termalismo e a zona histórica tamén son obxecto de emenda por parto do BNG para o cal propoñen un “Plan de cinco millons de euros para a dinamizacion social e economica do casco historico de Ourense e outro dotado cun millón de euros para un Plan de termalosmo xa que logo do binomio Jácome – PP temos menos termas operativas que hai 16 anos”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------