O Concello de Ribadavia vén de anunciar a posta en marcha dunha nova edición do programa ‘Concilia no Nadal 2025-26’, unha iniciativa que pretende facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal ao tempo que ofrece ás crianzas un entorno educativo, seguro e enriquecedor. O goberno local subliña que este servizo, xa consolidado no municipio, busca tanto apoiar ás familias nos días non lectivos como promover o desenvolvemento persoal e a autonomía dos nenos e nenas participantes.
O programa está dirixido a menores de entre 3 e 14 anos e desenvolverase do 22 de decembro de 2025 ao 7 de xaneiro de 2026, coincidindo cos días laborais non lectivos do período de Nadal. En total ofertaranse dez xornadas —22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, e 2, 5 e 7 de xaneiro— cun horario continuado de mañá, desde as 08:30 ata as 14:00 horas, co obxectivo de atender as necesidades das familias que continúan coa súa actividade laboral durante estas datas.
A capacidade máxima será de setenta prazas, reservándose unha consideración especial para os participantes con discapacidade igual ou superior ao 33%, que computarán como dúas prazas coa finalidade de garantir unha atención axeitada ás súas necesidades específicas.
As persoas interesadas poderán presentar a solicitude entre o 4 e o 12 de decembro, tanto a través da sede electrónica municipal como no Departamento de Servizos Sociais. A inscrición será efectiva unha vez se entregue toda a documentación requirida xunto co xustificante bancario do pagamento correspondente. As bases establecen un sistema de prioridade que ten en conta a situación laboral das familias, a atención a persoas dependentes, a condición de familia monoparental ou numerosa, a existencia de discapacidade no menor, o empadroamento no municipio e, en último termo, a data de presentación. En caso de superar o número de prazas dispoñibles, habilitarase unha lista de agarda seguindo os mesmos criterios.
Os prezos do programa manteñen a mesma estrutura social dos últimos anos. Para as familias empadroadas o custo será de 25 euros, mentres que para as non empadroadas ascende a 50. Establécense tamén tarifas reducidas —15 euros para residentes e 40 para non residentes— destinadas ás familias numerosas, monoparentais, aos nenos e nenas con discapacidade e aos segundos irmáns e sucesivos. O pagamento deberá realizarse na conta bancaria municipal indicada nas bases.
O Concello lembra que os documentos identificativos, médicos ou familiares só deberán achegarse se non se presentaron previamente noutros programas de conciliación ao longo de 2025.
Con esta iniciativa, o goberno municipal amosa unha vez máis o seu compromiso cunha conciliación real e efectiva, ofrecendo un espazo lúdico e educativo de calidade nun período especialmente complexo para moitas familias.

















