Onte pola tarde celebrouse no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadavia unha reunión informativa dirixida aos comerciantes da vila, na que se presentaron os detalles do Programa de Impulso á Innovación e Sostibilidade do Comercio Local e Artesanal, que a Xunta de Galicia ten previsto poñer en marcha en xaneiro de 2026 cun orzamento de 3.900.000 euros.
No encontro participaron Gabriel Alén, director xeral de Comercio da Xunta de Galicia; César Fernández, alcalde de Ribadavia; David Martínez Alonso, presidente da Asociación Empresarial de Profesionales y Autónomos de Ourense; Agustín Suárez, presidente de Establecementos Asociados do Ribeiro (EAR); Noelia Rodríguez Aparicio, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense; e Camilo Sotelo, vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

Durante a sesión explicáronse as tres liñas de axudas que incluirá o programa e ás que poderán acceder tanto comerciantes como artesáns, así como tamén novos negocios que cumpran os requisitos establecidos:
- Liña 1: Dixitalización e innovación comercial.
Axudas dirixidas a proxectos destinados á modernización tecnolóxica e á mellora das ferramentas dixitais dos establecementos. - Liña 2: Modernización e eficiencia enerxética.
Apoio para a mellora do equipamento comercial, obras de acondicionamento, imaxe do establecemento e optimización da súa eficiencia enerxética. - Liña 3: Sostibilidade ambiental.
Axudas para o uso de packaging sostible e bolsas elaboradas con materiais vexetais ou reciclados, cun importe de 100 euros.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Este programa supón unha oportunidade especialmente relevante para os comerciantes de Ribadavia. Grazas á implantación na vila do proxecto “Vilas Vivas”, os establecementos que cumpran as condicións —estean ou non situados no casco histórico— poderán optar a cubrir ata o 90% do investimento total, unha porcentaxe superior á do resto de comercios galegos situados en concellos non adheridos a este plan.
O Concello de Ribadavia e as entidades empresariais presentes destacaron a importancia destas axudas para impulsar a competitividade, a modernización e a sostibilidade do tecido comercial local.

















