O acondicionamento do viaduto da autovía AG-53 sobre o Barbantiño sae a licitación por 3,5 millóns de euros

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta licita por 3.538.056 euros as obras de acondicionamento e reforzo do viaduto da autovía Dozón-Ourense (AG-53) sobre o río Barbantiño. Trátase de levar a cabo distintos traballos de reparación no interior do taboleiro e na cara exterior da lousa superior do viaduto do Barbantiño, no tramo do enlace de Cea-enlace coa OU-402 e a A-52, entre os puntos quilométricos 81+134 e 81+914.

As obras que se definen neste proxecto de construción enmárcanse principalmente dentro do termo municipal de Punxín e parte do termo municipal de Amoeiro. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ten publicada esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 29 de xaneiro. Os traballos contan cun prazo de execución de 10 meses.

Este contrato enmarcase no programa pioneiro impulsado pola Xunta de inspección e redacción de proxectos de conservación de estruturas e obras de paso das estradas autonómicas, co obxectivo de preservar a seguridade dos usuarios das infraestruturas viarias e alongar a vida útil destas mediante actuacións de conservación preventiva.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------