O Concello do Carballiño adxudica a xestión do ciclo da auga a unha UTE integrada por Copasa, Geseco e Espina

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Corporación Municipal do Carballiño aprobou hoxe a adxudicación do contrato da xestión das redes de abastecemento e saneamento para os vindeiros 25 anos a unha UTE (Unidade Técnica de Empresas) formada por Copasa, Geseco e Espina. O contrato suporá un desembolso aproximado de 60 millóns de euros para as arcas municipais, se ben as firmas empresariais deberán acometer unha serie de melloras e ampliacións nas infraestruturas de depósitos e canalizacións das redes, cun investimento de preto de sete millóns de euros. Entre estas obras contémplase a construción dun novo depósito de captación e a renovación dos sistemas de tránsito do alcantarillado e augas pluviais en varias zonas do casco urbano como son as avenidas Julio Rodríguez Soto e Balneario.

A resolución do contrato foi aprobada polos votos favorables do grupo de goberno (PSOE e PP) e a abstención de Espazo Común e Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Tamén saíu adiante na sesión plenaria correspondente ao mes de decembro, cos votos a favor do goberno local e a abstención dos dous grupos da oposición, o expediente (presentado por vía de urxencia) da área de reparto número 15 do PXOM, que suporá a apertura dun vial de saída dende a rúa Faustino Santalices cara a rúa Alberte Vilanova, necesaria para a desconxestión do tráfico no centro do casco urbano do Carballiño.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As catro formacións políticas da Corporación amosaron a súa unanimidade para o cambio de calificación urbanística (de verde a dotacional) das parcelas ubicadas no polígono industrial da Uceira que servirán para a construción do novo complexo deportivo, así como para aprobar o padrón de 14.249 habitantes a 1 de xaneiro de 2025, aínda que, según os datos actuais, a cifra elévase a 15.015.

A proposta do BNG de melloras na seguridade vial da estrada N-541 (Ourense-Pontevedra) ao seu paso polo casco urbano do Carballiño tamén contou co apoio do resto dos grupos, mentres os votos maioritarios do grupo de goberno tumbaban dúas mocións de Espazo Común: a primeira, orientada á remunicipalización da xestión da recollida do lixo, e, a segunda, solicitando a redacción dun inventario dos bens municipais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------