A Corporación Municipal do Carballiño aprobou este xoves na sesión plenaria o expediente da área de reparto número 15 do Plan Xeral de Ordenación (PXOM), o que permitirá a apertura dun vial de saída desde a rúa Faustino Santalices ata a rúa Carreira. A nova vía, de 150 metros de lonxitude, comunicará o entorno da Casa Consistorial coas rúas Ourense e Otero Pedrayo, a N-541 e a estación de Renfe e, deste xeito, facilitará a circulación e reducirá o tráfico no casco urbano.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Trátase dunha intervención clave para o desenvolvemento urbano do Carballiño, tal e como destacou o goberno local durante o pleno, que non só permitirá desconxestionar o tráfico e osixenar o aparcamento, senón tamén avanzar na peatonalización do centro, na mobilidade sostible e na modernización da vila. De feito, a corporación levou a votación do expediente pola vía da urxencia para comezar “canto antes” a facer realidade ese novo vial.
A aprobación do expediente supón a culminación dun longo proceso administrativo que comezou no 2021 coa redacción do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da área de reparto número 15. Cabe destacar a colaboración dos particulares dos terrenos, que anticiparán a cesión do solo necesaria para a obra sen que afecte aos seus dereitos dentro da área de reparto.
O desenvolvemento urbanístico desta área contempla tamén a reserva dun espazo para unha zona verde e outra dotacional, que permitirá a creación dun espazo deportivo. Ademais, a apertura da nova vía suporá a creación de prazas de aparcamento nunha zona de alta demanda de veciños e visitantes.

















