Manuel Pardo defende un consumo máis responsable no Nadal para reducir o desperdicio alimentario

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao mercado de abastos de Ourense para participar na campaña Nestas datas, que non sobren as sobras!, que se está a desenvolver en diferentes mercados de abastos de Galicia como é o caso de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Pontevedra e o mercado de Ponte Canedo en Ourense.

O delegado territorial explicou que a Xunta de Galicia avoga por un consumo sostible e responsable nestas datas de Nadal para contribuír á redución do desperdicio alimentario, salientando que esta iniciativa pretende concienciar as familias galegas sobre o impacto que supón o desperdicio alimentario; promover hábitos de compra consciente e responsable e poñer en valos os mercados municipais como espazo de consumo de produtos de proximidade de primeira calidade, entre outras cuestións.

Deste xeito, -detallou Manuel Pardo- “esta campaña consiste no reparto de máis de mil culleres de madeira cun código QR a través do que se accede a unha páxina web con receitas de aproveitamento. Este QR tamén estará á disposición da cidadanía nun cartel á entrada de cada mercado”. “O obxectivo -continuou o representante do Goberno galego-é inspirar elaboracións para aproveitar as sobras do Nadal recuperando os bos hábitos da cultura galega coa actualización de pratos tradicionais como poden ser os caldos ou as empanadas”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Para o delegado territorial reducir o desperdicio alimentario durante as festividades non é só unha cuestión de aforro, é tamén unha acción necesaria para coidar o planeta. Tirar comida non só é un gasto innecesario de diñeiro, senón que tamén implica un uso ineficiente dos recursos empregados para producir eses alimentos, como auga, enerxía e chan.

Por iso, Manuel Pardo lembrou a importancia dunha boa planificación previa, utilizando por exemplo listas cos produtos necesarios e evitando compras impulsivas, para mercar só aquelo que sexa preciso en función do menú e do número de comensais, e fixo fincapé na importancia deste tipo de accións para contribuír a consolidar a redución do desperdicio alimentario. De feito, desde o ano 2020 estes residuos se reduciron nun 19%.

Trala liña dun consumo responsable, o delegado territorial significou que o Goberno galego xa traballa na elaboración do Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario, unha iniciativa pioneira cuxo obxectivo é reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores e nun 20% as perdas na produción e subministración.

Entre outros aspectos, este plan incluirá o desenvolvemento dun proxecto estatístico co IGE para medir e avaliar o desperdicio alimentario en Galicia, así como a promoción de acordos con concellos e entidades sociais para promover a doazón de alimentos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------