A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “A Intelixencia Artificial vai ás urnas”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O carballiñés e ex-Fiscal Superior de Galicia Carlos Varela ofrece aos lectores de Badalnovas este artigo:

Considerase que a elección presidencial dos Estados Unidos en 2008 foi o primeiro experimento de uso de medios dixitais nas eleccións, por ter sido a primeira vez en que as redes sociais foron utilizadas como elemento central nunha campaña política. Daquela, o equipo de Barack Obama contratou a un dos fundadores de Facebook, para desenvolver a súa campaña en liña. As eleccións presidenciais dos Estados Unidos en 2016 e 2020 foron caracterizadas polo uso intensivo de IA en campañas electorais.

Desde entón, a priorización dos medios dixitais converteuse nunha tendencia crecente no marketing político revolucionando a forma de comunicación dos candidatos co electorado. Porén, o uso da intelixencia artificial (IA) nos procesos electorais representa un novo paradigma que redefine as regras do xogo. Isto é así, porque a IA ten capacidade, a través da minaría de datos, de analizar un gran volume de información e identificar patróns para prever o comportamento dos electores permitindo que as campañas electorais personalicen as súas mensaxes para grupos específicos (p.e. mozos, pensionistas, nais, consumidores e outros colectivos). Creando perfís detallados de cada individuo, acoutando as súas vulnerabilidades, indecisións, emocións e prexuízos, poden influenciarse as súas decisións de forma sutil e persuasiva.

Durante a campaña presidencial de EEUU en 2024, documentouse o uso crecente de IA para adaptar mensaxes personalizados a grupos moi específicos de votantes, con anuncios segmentados por idade, barrio, intereses e comportamento en internet. Amplificándose determinadas voces e narrativas, e silenciando outras, conseguíuse o obxectivo de influír na súa percepción e decisión de voto.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A intelixencia artificial, coa súa capacidade de influenciar a opinión pública e manipular o comportamento electoral, presenta un novo e complexo desafío para a democracia: o abuso de poder electoral. A utilización de algoritmos para segmentar o electorado, personalizar mensaxes políticas e diseminar información falsa pode ser usada para manipular o resultado das eleccións e prexudicar a igualdade de oportunidades entre os electores.

Os algoritmos de IA, conxuntos de regras e instrucións que os computadores utilizan para procesar datos e tomar decisións, son a espiña dorsal da democracia algorítmica, orquestrando o fluxo de información que modulan as nosas opinións e decisións. A falta de transparencia e auditabilidade dos algoritmos electorais representan un desafío evidente para a integridade do proceso electoral se non hai garantías do seu uso ético e responsable.

Diante dese escenario, xorde a pregunta: como podemos garantir que a IA sexa usada de forma ética e responsable nas eleccións? Como podemos protexer a democracia da manipulación e da desinformación? Esas son as cuestións que convén abordar.

A necesidade de responsabilidade xurídica é evidente. Precisamos dun marco regulatorio estatal específico que defina os límites do uso da IA nas campañas electorais, que estabeleza sancións para o uso indebido e garanta a protección dos dereitos dos electores na súa participación informada no proceso democrático.

Esta regulamentación estatal, materializada no anteproxecto de Ley del Buen Uso y Gobernanza de la Inteligencia Artificial, presentado en marzo de 2025, contempla expresamente «la prohibición del uso opaco de sistemas algorítmicos que incidan en la toma de decisiones políticas sin supervisión humana».

Porén, a citada normativa debe ser construída coa participación de especialistas en dereito dixital, científicos da computación, representantes da sociedade civil e outros actores relevantes. A necesidade de garantir a protección de datos persoais e a privacidade dos electores esixe a implementación de medidas eficaces de control e fiscalización.

A Unión Europea tense destacado na busca de solucións para blindar os procesos electorais fronte ao uso fraudulento da tecnoloxía coa publicación do Regulamento sobre Intelixencia Artificial (RIA), aprobado en 2024.

No contexto das campañas electorais, o RIA considera de «alto risco» para a cidadanía, pola súa capacidade de impacto relevante nos dereitos fundamentais das persoas, «os sistemas de IA destinados a ser utilizados para influír no resultado dunha elección ou referendo ou no comportamento de voto de persoas físicas no exercicio do seu voto en eleccións ou referendos».

Os sistemas de IA de «alto risco», como aqueles utilizados para a personalización de mensaxes políticas, están suxeitos a requisitos rigorosos de transparencia, auditabilidade e supervisión humana.

E aínda que o Regulamento de IA representa un paso adiante, a súa efectividade, para preservar os dereitos de participación democrática, dependerá da claridade dos mecanismos de supervisión e de control das estruturas permanentes de desinformación que se establezan no marco regulatorio da futura normativa estatal.

TEMAS


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Outros artigos de Carlos Varela:

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Noticias falsas: o poder das mentiras”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Odio e intolerancia nas redes sociais dixitais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): ” Deepfake: unha tecnoloxía de riscos e desafíos legais”

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Eficacia da pulseira electrónica en incendiarios forestais “

A opinión de Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia): “Incendios forestais: punición e reinserción”


Carlos Varela García :

  • Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. (promoción 1974-1979)
  • Ingresou, por oposición, na carreira Fiscal en maio de 1.985
  • Comezou seu exercicio profesional na Fiscalía de Vigo, onde foi Fiscal de protección de menores e de delitos económicos.
  • Fiscal Superior de Galicia desde xuño de 2004 a marzo de 2015
  • Na actualidade é fiscal no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

DISTINCIÓNS :

  • Premio Lois Peña Novo polo uso profesional do galego
    (2001)
  • Fillo adoptivo de Cangas do Morrazo (2009)
  • Premio Dolores Llopiz do Colexio Oficial de Psicólogos de
    Galicia (2010)
  • Premio Freire Carril da Asociación Agromadas de Seixalvo (2013)
  • Premio Cereixa de Ouro da parroquia viguesa de Beade
    (2013)
  • Premio Arenteira do Carballiño (2014)
  • Premio Agradecemento da Asociación Daravelo de Cangas
    (2019)

Esta é unha pequena relación de distincións. Cabe destacar a firme defensa do uso da lingua galega no ámbito xurídico e público levada a cabo por Carlos Varela durante o seu exercicio profesional. Esta postura, fundamentada no marco legal, foi recoñecida de forma expresa polo Tribunal Supremo, que no seu día felicitou ao entón Fiscal Superior de Galicia pola presentación dun recurso escrito en galego, valorando tanto a lexitimidade como o rigor xurídico do mesmo ( https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/09/28/span-langgl-tribunal-supremo-felicita-ao-fiscal-carlos-varela-recurso-escrito-galegospan/00031632848628980364346.htm )

Este feito non só subliña o seu compromiso cos dereitos lingüísticos e a identidade cultural de Galicia, senón que tamén evidencia un profundo coñecemento da legalidade vixente e unha destacable valentía profesional na defensa de principios fundamentais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------