A Deputación de Ourense impulsa o censo provincial de amianto con 87 concellos adheridos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O programa 2025-2027 permite xa identificar preto de 49.000 edificacións e avanzar na planificación da retirada deste material nos inmobles públicos municipais

Inclúe un visor web que facilitará aos concellos a avaliación do risco e a toma de decisións

Ourense, 2 de xaneiro de 2026.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense continúa a executar o Programa de colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes para a elaboración do censo de instalacións e emprazamentos con amianto, unha iniciativa clave para o cumprimento da Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que establece a obriga municipal de identificar este tipo de materiais e planificar a súa retirada.

O programa, aprobado definitivamente polo Pleno da institución provincial o 20 de decembro de 2024, conta cun total de 87 concellos adheridos e desenvólvese no período 2025-2027, ofrecendo asistencia técnica e económica aos municipios a través da concesionaria provincial AquaOurense, Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente, S.A.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Os traballos deron comezo no mes de xuño e presentan na actualidade un grao de avance significativo, con actuacións xa completadas ou en fase final en numerosos concellos da provincia. Ata o de agora, 35 concellos superaron a fase inicial, que inclúe a elaboración do censo preliminar e a teledetección de cubertas de fibrocemento, abranguendo arredor de 49.000 edificacións e permitindo identificar unhas 16.500 cubertas.

Na fase media, centrada no traballo de campo e no cribado do censo, atópanse 26 concellos, nos que se realizaron preto de 700 preinspeccións visuais en edificacións de carácter público municipal. Pola súa banda, 18 destes concellos avanzan xa na fase final, que comprende a elaboración da documentación definitiva do censo e a proposta de calendario e planificación para a retirada do amianto.

Visor con mapa interactivo

O programa complétase co desenvolvemento dun visor web específico, denominado LocAm, realizado en colaboración coa empresa Soluciones Gis Galicia, S.L. Esta ferramenta permitirá a cada concello dispoñer dun mapa interactivo no que se visualizan todas as edificacións clasificadas segundo o seu risco por amianto, facilitando a análise técnica e a planificación das actuacións futuras.

A Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense destaca que este programa supón un apoio decisivo aos concellos, especialmente aos de menor tamaño, para garantir o cumprimento da normativa vixente, reforzar a protección da saúde pública e avanzar nunha xestión máis segura e ordenada das infraestruturas municipais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------