O estudantado dos dous institutos de Educación Secundaria do Carballiño, acompañado polo seus respectivos directores, Aurelio Rodríguez e Almudena Mosquera, foi o convidado de honra na celebración do 25º aniversario do Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC), que se desenvolveu esta mañá no Auditorio Manuel María cunha gala musical e literaria á que asistiron o alcalde, Francisco Fumega, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Dese xeito, no decurso dun acto que presentou a actriz Uxía Blanco, o grupo A Quenlla interpretou diversas cancións dos seus últimos discos, en especial o adicado ao xuglar Martín de Padrozelos e foi presentado listado de publicacións editadas polo IEC ao longo deste ano. Finalmente, fixéronse entrega dos premios do I Concurso de Microrrelatos convocado pola entidade cultural, que recaeron en Alba García, Pablo Nogueira e Juan Carlos García, que amosaron a súa satisfacción polo empuxe para a súa afeción literaria supón ter sido galardoados.
O presidente do IEC, Avelino Muleiro, destacou a traxectoria do colectivo neste cuarto de século, que comezou no Carballiño cun grupo de amigos e que agora integra un feixe de persoeiros de todo o mundo vencellados á cultura, á educación ou á investigación. Tanto Aurelio Rodríguez como Almudena Mosquera agradeceron o convite da directiva do Instituto de Estudios para que as alumnas e os alumnos do IES Chamoso Lamas e IES Nº 1 poidesen desfrutar dunha actividade complementaria de alto nivel cultural. Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, resaltou a importancia da creación da entidade e púxoa coma exemplo de aportación de riqueza cultural e lingüística a Galicia, a vez que os animou a seguir traballando e producindo cultura.
















