A Deputación intensifica a súa alianza con Cruz Vermella entregándolle unha ambulancia para reforzar a atención ás emerxencias na provincia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial, Luis Menor, visitou a sede provincial de Cruz Vermella Ourense, onde fixo entrega dunha nova ambulancia adquirida grazas a unha subvención nominativa da institución provincial por importe de 75.000 euros

Ourense, 5 de xaneiro de 2026.

O presidente da Deputación, Luis Menor, visitou esta mañá a sede de Cruz Vermella en Ourense para facerlle entrega dunha ambulancia para reforzar a atención ás emerxencias na provincia. No acto, no que participaron o presidente provincial da entidade, Felipe Ferreiro, e o secretario provincial, Javier Manteiga, púxose en valor a cooperación institucional constante entre ambas entidades, así como o papel esencial que desempeña Cruz Vermella na atención ás persoas máis vulnerables da provincia.

Luis Menor destacou que a ambulancia entregada “permitirá reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias e mellorar a atención sanitaria e social en todo o territorio, garantindo unha intervención máis rápida e eficaz, especialmente nos concellos do rural”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Felipe Ferreiro, pola súa banda, agradeceu á Deputación de Ourense a entrega desta ambulancia, que se suma ao apoio que vén recibindo habitualmente no ámbito das emerxencias e na prevención de accidentes, especialmente no rural. “A colaboración da Deputación é fundamental para o desenvolvemento do labor de Cruz Vermella na provincia, e aportacións como a entrega desta ambulancia contribúen a mellorar a resposta en momentos críticos, como durante a vaga de lumes do pasado ano·”, recalcou o presidente provincial de Cruz Vermella.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O presidente da Deputación, Luis Menor, quixo subliñar tamén que esta actuación forma parte dunha “colaboración institucional sólida e continuada no tempo, baseada na confianza mutua e no obxectivo compartido de mellorar a protección e a calidade de vida da cidadanía”. Neste senso, lembrou que Cruz Vermella é unha entidade clave na atención ás persoas maiores, ás familias vulnerables, ás persoas sen fogar e ás vítimas de exclusión social ou situacións de crise.

Durante a visita, Menor agradeceu expresamente o labor do persoal técnico, do voluntariado e do equipo directivo de Cruz Vermella, destacando o seu traballo diario “como un servizo público fundamental nunha provincia extensa e diversa como a ourensá”.

Menor deixou patente que a Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso de seguir fortalecendo unha relación histórica coa entidade, lembrando que Cruz Vermella xurdiu a finais do século XIX no propio Pazo Provincial. Esta colaboración mantense activa tanto a través do apoio aos gastos de funcionamento como mediante actuacións específicas, como a adquisición desta ambulancia ou o respaldo a programas sociais dirixidos á infancia e ás familias.

Por último, Luis Menor incidiu en que a cooperación entre administracións e entidades sociais resulta clave para garantir unha atención integral á cidadanía “e para avanzar nunha provincia máis cohesionada, na que ninguén quede atrás”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------