A Deputación rende homenaxe ás costureiras durante xaneiro dentro do programa provincial “8M, mes a mes”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Área de Igualdade da Deputación de Ourense, que dirixe a deputada provincial Teresa Barge, inicia o ano 2026 dando continuidade ao programa “8M, mes a mes” cunha homenaxe a unha profesión historicamente feminizada e fundamental para a vida social e económica da provincia: a das costureiras. Baixo o lema “puntada a puntada, cosendo igualdade”, a institución provincial pon en valor o traballo artesanal, a creatividade e a capacidade de adaptación dun oficio que evolucionou co tempo sen perder a súa esencia.

Esta primeira acción do ano céntrase no recoñecemento ás mulleres que fixeron da agulla unha ferramenta de vida, liberdade e identidade, destacando tamén o papel da costura como elemento de sustentabilidade, de preservación das tradicións e de creación de comunidade fronte á produción masiva.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Como figura representativa desta homenaxe, a Deputación escolleu a Julia Feijoo Casal, veciña de Celanova, onde se formou desde moi nova e desenvolveu a maior parte da súa traxectoria profesional. Julia aprendeu a coser con tan só catorce anos e, co paso do tempo, ampliou a súa formación en patronaxe na cidade de Ourense, chegando a abrir o seu propio taller, no que realizou desde prendas de uso diario ata vestidos de noiva, traxes de comuñón, bautizo e confeccións a medida para numerosas veciñas da contorna.

 A través desta traxectoria vital, o programa “8M, mes a mes” pon o foco “non só na dimensión profesional da costura, senón tamén no seu valor humano e social: un oficio ligado ao tempo, ao detalle, ao trato directo e á construción de vínculos, que contribuíu a tecer memoria, identidade e vida comunitaria nos pobos e vilas da provincia”, tal e como explica a deputada provincial de Igualdade, Teresa Barge.

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense reafirma un mes máis o seu compromiso coa visibilización do traballo das mulleres, co recoñecemento das profesións tradicionalmente invisibilizadas e coa promoción dunha igualdade real que se constrúe tamén desde a cultura, a historia e a posta en valor das experiencias de vida, tal e como sinala Teresa Barge.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------