O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión de traballo co presidente da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next, Severino Rodríguez, nun encontro no que ambas partes puxeron en valor a evolución e consolidación deste proxecto empresarial e territorial, no que a institución provincial participa desde os seus inicios.
Luis Menor amosou a súa satisfacción polo crecemento da asociación, que conta xa con preto de cen socios, “un dato que evidencia o arraigamento social e económico dun proxecto estratéxico para a Ribeira Sacra”. O presidente provincial subliñou que se trata dunha iniciativa “que pensa o territorio dun xeito integral, aproveitando todas as oportunidades que ofrece, especialmente nun contexto no que seguimos a traballar para que a Ribeira Sacra acade o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade”.
Durante a reunión, o presidente da Deputación confirmou que a institución continuará colaborando no desenvolvemento das actividades da asociación, ao considerar que “o retorno para o territorio é moi importante e as oportunidades que se abren ligadas a este proxecto benefician de maneira directa á Ribeira Sacra”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Menor felicitou a Severino Rodríguez polo traballo desenvolvido durante estes anos, tanto polo elevado número de socios acadado como pola “visión estratéxica dun territorio de carácter supraprovincial, que abrangue dúas provincias, e que precisa iniciativas coordinadas para aproveitar todo o seu potencial”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next agradeceu o apoio da Deputación desde o inicio do proxecto, destacando que “sen a colaboración das administracións sería moi difícil poñer en marcha e consolidar unha iniciativa destas características”. Severino Rodríguez puxo en valor a importancia da cooperación entre institucións e axentes sociais do territorio para realizar un diagnóstico integral da Ribeira Sacra e buscar solucións ás súas necesidades desde unha perspectiva empresarial responsable e comprometida.
Ambas partes coincidiron na necesidade de seguir afondando na colaboración institucional e público-privada como ferramenta clave para impulsar o desenvolvemento sostible, económico e social da Ribeira Sacra.
















