O PSOE de Punxín solicita ó goberno local a reforma do centro de saúde

O PSdeG-PSOE de Punxín esíxelle ao grupo de goberno municipal a reforma “urxente” do centro de saúde do concello, que segundo denuncian se atopa nunha situación de total “abandono e desleixo”. As socialistas lembran que fai máis dun ano se aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG no municipio na que se instaba a levar a cabo esta reforma, pero a pesar do compromiso acadado polo pleno municipal, as socialistas denuncian que “aínda nada se fixo”.

Para as concelleiras socialistas trátase dunha iniciativa “indispensable” para o Concello e demandan que se leva a cabo “a maior brevidade posible”, apuntando que “dados os tempos que corren , cunha pandemia mundial, os veciños e veciñas de Punxín, merecen un centro de saúde digno e que dea servizo dun xeito correcto e sen por en risco a ningún traballador nin veciño”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o PSdeG de Punxín denuncian que o aspecto do centro de saúde deixa moito que desexar, con fiestras que non se poden abrir polo paso do tempo e o deterioro, desaugues que non realizan a súa función por atoparse en mal estado ou sen limpar ou uns servizos que se atopan en pésimas condicións para o seu uso. Tamén engaden o pésimo illamento térmico do edificio, “nas consultas no verán non se para coa calor e no inverno co frío”.

A voceira socialista, Lorena Peleteiro, mantivo no día de onte unha xuntanza coas traballadoras do centro de saúde, na que estas lles manifestaron a súa preocupación pola situación que se vive no centro, así como agravio que supón a actual situación provocada pola COVID-19. Na reunión de traballo, as traballadoras tamén manifestaron unha realidade coa que concordan as socialistas, que “o centro de saúde de Punxín é, sen dúbida, o peor de toda a comarca”.

As socialistas amosan a súa preocupación trala xuntanza, xa que tal e como lles trasladaron as profesionais sanitarias, “o centro para nada é respectuoso coa seguridade tanto das traballadoras como dos usuarios que a diario fan uso das instalacións”, sinala Peleteiro, que tamén apunta que “o actual estado do mesmo impide o cumprimento das medidas sanitarias establecidas, non podendo abrir as fiestras por deficiencias importantes, o que repercuta nunha pésima ventilación.

Para a voceira socialista esta “é unha nova mostra da pésima xestión do goberno bipartito de Punxín, que para nada se preocupa pola saúde e a seguridade tanto da veciñanza como das traballadoras do centro de saúde”. Peleteiro tamén sinala que “ante a situación que estamos a vivir, debemos coidar e tratar da mellor forma posible, facilitándolle os medios, as traballadoras que están a realizar unha gran labor”.