A Deputación de Ourense, a través do Inorde, presentará na Feira Internacional de Turismo (FITUR 2026), que se celebrará en Madrid, unha ampla programación de accións promocionais co obxectivo de reforzar a proxección turística da provincia como destino diverso, sostible e con identidade propia.
A actividade da institución provincial desenvolverase no stand de Galicia (pavillón 9), onde Ourense contará cun calendario específico de presentacións centradas no turismo rural, termal, enogastronómico e cultural, así como na posta en valor de produtos turísticos consolidados e novas liñas de promoción.
A presentación principal, a da provincia de Ourense como destino turístico será o vindeiro xoves 22 ás 12,30 horas. Ao día seguinte, a Deputación tomará parte na presentación do proxecto de Villas Termais e Históricas, co obxectivo de consolidar a marca Ourense como referente termal a nivel estatal. Outras das accións promocionais lideradas pola Deputación, a través do Inorde, serán as presentacións dos xeodestinos Trevinca-Valdeorras e o de Terras de Celanova – Serra do Xurés. Tamén serán promocionados os entroidos do oriente ourensán, Festa de Interese Turístico Nacional, un dos grandes sinais de identidade cultural da provincia.
Entre outras accións previstas destaca a presentación de itinerarios enogastronómicos de Valdeorras en colaboración con Escapada Rural, orientada a poñer en valor o potencial vitivinícola e gastronómico da comarca como atractivo turístico de primeiro nivel.
A Deputación tamén protagonizará un monográfico sobre turismo rural nas Terras de Celanova-Serra do Xurés, centrado na riqueza paisaxística, patrimonial e natural deste territorio e nas súas oportunidades como destino de natureza e experiencias sostibles.
Ademais, Ourense participará na difusión da campaña 2026 dos Trens Turísticos de Galicia, unha iniciativa clave para a atracción de visitantes e a vertebración turística do territorio.
A institución provincial tamén apoiará outras iniciativas promocionais que teñan a Ourense como protagonista en FITUR, como é o caso de Termatalia, a presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade ou outros xeodestinos da provincia.
Con esta presenza en FITUR, a Deputación de Ourense a través do Inorde reforza a súa aposta por un modelo turístico baseado na calidade, a sustentabilidade e a posta en valor dos recursos propios da provincia, combinando natureza, benestar, tradición, gastronomía e experiencias auténticas.

















