O Sindicato Labrego Galego mantivo este mediodía unha reunión coa Delegación do Goberno en Galiza para reiterar o seu rexeitamento frontal ao acordo UE-Mercosur.
Esiximos ao Goberno español que presione para eliminar a alimentación do tratado e vote en contra na Eurocámara.
A Coruña, 19 de xaneiro de 2026. Despois das mobilizacións do pasado 12 de xaneiro, representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) reunímonos este mediodía en A Coruña coa Delegación do Goberno en Galiza para trasladar unha vez máis a nosa posición respecto ao acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur. Na reunión participaron María Ferreiro, gandeira e Secretaria Xeral do SLG, e Xosé María García, membro da Executiva Nacional do Sindicato.
A intención desta xuntanza foi expoñer á Delegación do Goberno as numerosas dúbidas que nos xera este acordo e reiterar o noso non rotundo ao mesmo mentres non se elimine calquera referencia á alimentación. Ao mesmo tempo, instamos á Delegación do Goberno a que presione ao Goberno español para que se posicione en contra do acordo e vote non na Eurocámara en tanto que non se dea este cambio.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Xunto a isto, trasladamos as nosas dúbidas sobre a idoneidade do procedemento de ratificación do tratado e solicitamos que o próximo 21 de xaneiro voten a favor de elevar o acordo ao Tribunal de Xustiza Europeo para que se pronuncie sobre a súa legalidade.
A Delegación do Goberno recolleu as nosas demandas e preocupacións e confirma que os delegados do Goberno terán unha reunión co Ministro de Agricultura, prevista para o xoves ou venres desta semana, onde lle trasladará a nosa postura.
Dende o SLG mantemos que este acordo representa unha ameaza directa para o sector primario galego e defendemos que calquera tratado comercial debe priorizar os dereitos das persoas labregas e a sostibilidade ambiental por riba dos intereses comerciais. Neste sentido, o Sindicato seguirá mobilizándose e mantendo interlocución aquí en Galiza, en Madrid e en Bruxelas ata a votación do acordo no Parlamento Europeo.

















