· Con esta iniciativa os populares queren manifestar “o apoio explícito e institucional da Deputación aos agricultores e gandeiros da provincia, recoñecendo a lexitimidade das mobilizacións e das reivindicacións formuladas en defensa da viabilidade do sector primario”
21, xaneiro, 2026. O grupo provincial do Partido Popular defenderá no próximo pleno ordinario da Deputación unha moción de apoio aos agricultores e gandeiros ourensáns para que se garanta unha competencia xusta e en igualdade de condicións cos produtos que cheguen doutros mercados internacionais. Unha iniciativa coa que se quere manifestar “o apoio explícito e institucional da Deputación aos agricultores e gandeiros da provincia, recoñecendo a lexitimidade das mobilizacións e das reivindicacións formuladas en defensa da viabilidade do sector primario”.
Entre as propostas recollidas na moción figura unha petición aos eurodeputados españois, e de modo especial aos representantes de Galicia, que deben velar polos intereses do sector agrícola e gandeiro galego, para que garantan o cumprimento das salvagardas de competencia xusta, tales como a igualdade de esixencias sanitarias, ambientais e laborais.
Tamén se solicita á Xunta de Galicia a que intensifique o apoio ao sector gandeiro, nomeadamente cun reforzo de maneira inmediata das políticas de sanidade animal, en particular ante o risco e posible expansión de enfermidades como a dermatosis nodular contaxiosa. Preténdese así que se garanta a súa prevención, así como a actualización das táboas de compensación por perdas a prezos de mercado actuais, e o control da fauna salvaxe que afecta ás explotacións. Tamén ínstase á Xunta a que manteña en bo estado os camiños resultantes dos procesos de concentración parcelaria.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os populares reclaman ademais unha reforma da Politica Agraria Comun (PAC), na que se reduza a burocracia, simplifíquense os procedementos administrativos e haxa unha adaptación á realidade do modelo produtivo na provincia de Ourense, garantindo que as axudas cheguen de maneira efectiva ás explotacións familiares.
Apoio ás medidas impulsadas desde o Goberno provincial
A moción tamén recolle a adopción de medidas por parte da Deputación de Ourense, en liña co acordado cos afectados trala reunión con Luis Menor, como a posta en marcha dun servizo de recollida de plásticos gandeiros e agrícolas para a súa correcta xestión ambiental; a creación dun plan piloto de recría de femias en extensivo, co fin de axudar ao relevo das cabanas gandeiras, e finalmente o impulso do silvopastoreo na provincia como medida para a prevención de incendios forestais.
Entre os acordos propostos tamén se inclúe instar á á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a cumprir de modo efectivo coas súas obrigas de limpeza, conservación e mantemento dos ríos, regatos e cursos fluviais da provincia, co fin de previr desbordamentos, evitar danos nas explotacións agrarias, nos peches e nas infraestruturas públicas, e garantir a seguridade das persoas e a protección da actividade agraria e gandeira.
Outras peticións que inclúe a iniciativa son esixir o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, garantindo que ningún produtor venda por debaixo dos custos de produción e que exista un reparto xusto do valor ao longo da cadea agroalimentaria, ademais de solicitar medidas de apoio ao rural para fixar poboación, mellorar os servizos básicos e á sustentabilidade económica das explotacións, como ferramenta esencial para loitar contra a despoboación e o abandono do territorio.















