O Concello do Carballiño prepárase para a celebración do Entroido, unha das datas festivas máis esperadas do ano. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, presentaron esta mañá a programación dos festexos, que comezan o venres 13 de febreiro e rematan o domingo 22 coa XXXI Festa da Cachucha. “O Gran Desfile do martes e a Festa da Cachucha son xornadas moi relevantes para O Carballiño e para toda Galicia”, resaltou Fernández.
O Desfile Escolar dos centros educativos dará o pistoletazo de saída do Entroido o venres 13, a partir das 11,30 horas. Xa pola noite, será o grupo Feitizo de Pau o encargado de poñer a nota musical nas rúas da vila.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O sábado 14 celebrarase, como é habitual, o Entroido Infantil. “Este ano, como principal novidade, teremos un obradoiro de máscaras e complementos de Entroido para que os nenos e nenas poidan facer o seu propio disfrace”, detallou o edil de Cultura. Os pequenos tamén poderán desfilar no concurso de disfraces, animado por DJ Tibu. Os máis maiores terán a oportunidade de bailar a partir das 20,00 horas co espectáculo itinerante “Carballiño te suena 3”, impulsado pola asociación @s de sempre. “Cada ano cambian de vestiario e de música”, detallou Fernández. Máis tarde será a Charanga Sorcha a que anime as principais rúas da vila.
A programación continúa o domingo, coa tradicional xornada de coplas a cargo de Os Liborianos, que actuarán a partir das 19,00 horas na Praza Maior e nas rúas do Carballiño. O luns 16 será a quenda do espectáculo itinerante “O show das orquestras”, organizado por @s de sempre, e da actuación do grupo Os Mendigos.
“O martes 17 teremos o Gran Desfile de comparsas, que como o pasado ano abrirá a batucada da casa, a batucada PerCucar do CMUS do Carballiño”, sinalou o concelleiro de Cultura. No desfile participarán comparsas da comarca, así como de fóra. “Para pechar a xornada teremos o Gran Baile na Praza Maior a cargo do Grupo Noria, onde se desvelarán os gañadores dos premios, que seguro que estarán moi rifados coma nos últimos anos debido á calidade extraordinaria dos participantes”, engadiu.
O mércores 18, a Praza Maior acollerá o Enterro da Sardiña, no que participará o grupo de teatro Dar Trela, que “sempre ofrece un produto moi creativo, con moito humor e crítica divertida”, en palabras de Fernández. O colectivo Aspadisi tamén participa na parte organizativa.
XXXI Festa da Cachucha
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, animou á poboación a sumarse á XXXI Festa da Cachucha, que converte ao Carballiño na capital festiva galega do Domingo de Piñata. “Son miles de persoas as que se achegan á nosa vila ese día, a nosa gastronomía está tendo unha repercusión moi importante”, asegurou Dacal.
O domingo 22, as rúas do Carballiño estarán cheas de música a partir das 11,00 horas coa animación de Doctor Anchoa, CLK, Castro Bello, Feitizo de Pau e Os Biruxes. “Nos 24 locais anotados tamén haberá animación musical”, detallou o edil, quen animou á poboación a formalizar canto antes as súas reservas. “O ano pasado superamos os 2.500 comensais, un auténtico éxito”, valorou.
A partir das 17,30 horas celebrarase o desfile de folións e comparsas, nos que haberá agrupacións do Carballiño, así como de outras vilas de Galicia. A orquestra Claxxon será a encargada de poñer o broche de ouro da xornada a partir das 19,00 horas na Praza Maior.
















