A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, xunto a Xuventudes Socialistas, organizou un emotivo acto de homenaxe ás irmás Touza, coincidindo coa conmemoración do Día das Vítimas do Holocausto. O encontro puxo en valor a figura imprescindible destas tres mulleres ourensás que, durante a Segunda Guerra Mundial, axudaron a salvar a vida de máis de 500 persoas perseguidas polo nazismo, facilitando a súa fuxida a través dunha rede clandestina desde Ribadavia. O acto contou cunha ampla participación e converteuse nun espazo de lembranza, respecto e recoñecemento ao seu exemplo de valentía e solidariedade.
Durante a xornada interviñeron diferentes voces que afondaron no legado histórico e humano das irmás Touza, destacando a necesidade de manter viva a memoria democrática e loitar contra o odio, o racismo e a intolerancia. As persoas participantes coincidiron en sinalar que o seu compromiso coa dignidade humana segue sendo unha referencia para as xeracións actuais, reafirmando a importancia de divulgar estas historias para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.

















