A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor, participou hoxe na entrega por parte da Consellería e a Deputación de Ourense de 12 novos tractores con rozadoira aos concellos ourensáns para mellorar a prevención e extinción de incendios forestais. Concretamente, vanse empregar nos municipios das mancomunidades de Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín.
Facendo referencia aos incendios forestais acontecidos o pasado mes de agosto nesta provincia, a conselleira puxo de relevo a idoneidade e a necesidade das colaboracións deste tipo, no que “as administracións unen forzas” baixo un obxectivo común, fortalecer a resposta ante os lumes na comunidade.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A entrega destes tractores, tal e como explicou Gómez, enmárcase dentro do protocolo de colaboración coa Deputación de Ourense para avanzar na loita contra os incendios. Neste sentido, agradeceu a disposición amosada pola institución provincial cara este fin, unha entidade coa que se vén traballando nos últimos anos neste ámbito. De feito, Gómez lembrou que durante o pasado ano 2025 reforzouse dita colaboración cun orzamento de 4,1 millóns de euros, aportados por ambas administracións, para realizar varias actuacións nesta materia.
Ao abeiro deste protocolo, ademais da entrega destes tractores, creáronse 16 brigadas que estiveron traballando durante seis meses, entre abril e outubro, nas catro mancomunidades ourensás, ás que tamén se lles outorgou cadansúa máquina hidrostática polivalente. A maiores, ofreceuse formación para o persoal das brigadas no Centro de Loita contra o Lume de Toén.
Neste senso, María José Gómez avanzou que se seguirá a cooperar coa Deputación de Ourense, así como con outras administracións, para afondar na prevención e extinción de incendios forestais en Galicia. Unha cuestión que, dixo, é unha “prioridade” para a Xunta. Como exemplo deste compromiso, a conselleira mencionou o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas, asinado no mes de decembro coa empresa pública Seaga e ao que os municipios xa poden adherirse, o cal está dotado con 25 millóns de euros que se enmarcan dentro dos 75,38 millóns destinados neste 2026 para prevención, un 50% máis que o ano pasado. A través deste servizo préstase apoio a localidades e propietarios para realizar estas tarefas e cumprir así coas obrigas establecidas por Lei, “porque a prevención é tarefa de todos”, subliñou.















