O PPdeG asegura que a declaración de 2026 como ‘Ano Oteriano’ permitirá poñer en valor a pegada que deixou Otero Pedrayo na cultura de Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e Víctor Baladrón aseguraron hoxe que a declaración do 2026 con Ano Oteriano permitirá poñer en valor a pegada que deixou Ramón Otero Pedrayo na cultura de Galicia como un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia.

Nunha visita á Casa-Museo de Ramón Otero Pedrayo, na parroquia de Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro, acompañados do concelleiro do PPdeG Ricardo Rodríguez, os deputados populares lembraron que o Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional o pasado 17 de decembro a través da que se declara o ano 2026 Ano Oteriano, con motivo da celebración do 50 aniversario da morte deste escritor e do centenario da publicación da súa obra Guía de Galicia.

Juan Casares e Víctor Baladrón destacaron o traballo que desenvolve a Fundación Otero Pedrayo para manter viva a memoria e a promoción da obra do coñecido como Patriarca das Letras Galegas, a través da custodia da súa Casa-Museo en Trasalba. Ademais, esta Fundación promove unha Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e realiza unha serie de actividades arredor dunha festa anual que se celebra o último domingo do mes de xuño, na que se entrega o Premio Trasalba a unha persoa do mundo da cultura galega.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“A declaración de 2026 como Ano Oteriano supón o recoñecemento a unha figura fundamental na cultura de Galicia, así como un respecto ao labor de conservación e difusión do seu legado, que tan ben está a desenvolver tanto a Fundación como a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo”, manifestou Víctor Baladrón.

Pola súa banda, Juan Casares afirmou que “falar de Otero Pedrayo é referirnos a unha figura de personalidade poliédrica, seguindo o modelo dos integrantes do alcumado como o Cenáculo ourensán, que participou de xeito activo en tódalas iniciativas que o galeguismo impulsou tanto no eido político como social, chegando a ser a referencia da resistencia cultural do galeguismo do interior durante os anos escuros da ditadura”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------