A Deputación de Ourense incorpora 300 ‘pregos de cordel’ do século XIX ao Arquivo da Escola Provincial de Gaitas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Arquivo Histórico Audiovisual da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense vén de incorporar ao seu fondo documental 300’pregos de cordel’ do século XIX, un conxunto de pezas de enorme valor histórico e etnográfico que supón un paso decisivo na preservación da memoria colectiva e da tradición oral de Galicia.

Estas composicións, tamén coñecidas como coplas de cego ou romances, pasan a enriquecer un arquivo que ten como principal obxectivo salvagardar e estudar unha das manifestacións máis singulares da cultura popular galega.

As coplas de cego foron, desde o século XIV, un dos principais vehículos de transmisión de historias, sucesos e noticias entre a poboación. Popularmente denominadas como os “libros dos pobres”, eran creadas e difundidas por persoas moitas veces iletradas, pero cunha extraordinaria capacidade narrativa e comunicativa.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A súa función era dobre: informar e entreter. Os seus contidos centrábanse, maioritariamente, en acontecementos tráxicos, crimes escabrosos, feitos extraordinarios ou noticias insólitas que espertaban o interese popular.

Estes documentos eran difundidos polos cegos cantores, herdeiros da tradición dos xograres medievais, que percorrían feiras e prazas acompañados dun axudante e de instrumentos como a zanfona ou o violín. Mentres cantaban os romances, vendían os pregos que penduraban de cordas, dando orixe á denominada literatura de cordel.

Con esta nova incorporación, a Deputación de Ourense reafirma a súa aposta por converter a provincia nun centro de referencia para o estudo da literatura lírica popular galega. Trátase dunha tradición romancística que se mantivo viva durante arredor de catro séculos, pero que comezou a desaparecer en Galicia a partir da década de 1960 coa desaparición dos últimos cegos cantores.

Neste ámbito, Ourense mantén un vencello especial con esta expresión cultural a través da figura de Lucía da Conceição Fernandes, natural do Covelo (Viana do Bolo), recoñecida como a derradeira cega cantora da provincia. Os seus cantares foron editados pola propia Escola de Gaitas no ano 2005, contribuíndo á súa conservación e difusión.

Desde a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense faise un chamamento público a todas aquelas persoas ou familias que poidan conservar coplas, romances ou pregos de cordel nos seus fogares. O obxectivo é catalogar, estudar e protexer este material antes de que se perda definitivamente, garantindo a súa conservación para as vindeiras xeracións.

As persoas interesadas poden contactar directamente co director da Escola de Gaitas, Xosé Lois Foxo, no teléfono 606 46 65 46.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------