O PSTD Ribeiro-Carballiño inicia as obras de restauración de varios puntos degradados en lugares de interese turístico das dúas comarcas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A paisaxe dos municipios integrados no Xeodestino Ribeiro-O Carballiño comeza a transformarse grazas á posta en marcha de varias actuacións destinadas a recuperar espazos degradados e mellorar a imaxe de enclaves de gran valor para veciñanza e visitantes. Unhas iniciativas recollidas no “Proxecto de restauración paisaxística para a eliminación de puntos degradados en lugares de interese turístico”, posto en marcha a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e que supoñen un investimento de 266.548 euros.

Entre as primeiras intervencións realizadas destacan a demolición dun antigo depósito de auga na praza do campo da feira de Cortegada, así como a rehabilitación de marquesiñas de autobús en concellos como Leiro, seguindo un orixinal deseño aportado polo Concello de Pontedeva, que replican as novas marquesiñas. Ademais, tamén se procedeu á retirada de vertedoiros ilegais de enseres e restos de obras en Cerdeira (O Irixo). “Máis que obras illadas, trátase dunha aposta por integrar natureza, patrimonio e turismo nun mesmo horizonte: un territorio máis limpo, máis coidado e visualmente máis atractivo para quen o percorre e para quen o habita”, explica Francisco Fernández, presidente do Xeodestino Ribeiro-Carballiño.

Estas son as primeiras das 37 actuacións contempladas no “Proxecto de restauración paisaxística para a eliminación de puntos degradados en lugares de interese turístico”. Unha iniciativa do Plan de Sostibilidade Turística en Destino que ten como obxectivo recuperar zonas degradadas e mellorar a imaxe ambiental dos 21 municipios que integran o Xeodestino a través da eliminación daqueles puntos que xeran un impacto visual negativo e a posta en valor dos espazos naturais, patrimoniais e turísticos da zona.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un proxecto desenrolado en colaboración cos 21 concellos que forman parte do xeodestino (Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Irixo, Leiro, Maside, Melón, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea) que prioriza as actuacións en áreas de interese turístico, sobre todo aquelas relacionadas con elementos patrimoniais, espazos públicos, rutas de sendeirismo, áreas recreativas e espazos de interese natural.

Próximas actuacións

Entre as próximas actuacións figuran a demolición de elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico (naves, silos, quioscos de música ou casetas) e a retirada ou rehabilitación de elementos de mobiliario urbano deteriorados (marquesiñas, bolardos, contedores de lixo). Así mesmo procederase á eliminación de vertidos de residuos en espazos naturais e á retirada de sinalización obsoleta, ilexible ou deteriorada.

Finalmente, acometeranse algunhas accións singulares como a rehabilitación de dous antigos lavadoiros tradicionais en Carballeda de Avia, a demolición de cubertas de formigón nos lavadoiros de Feáns (Pontedeva) e Ventosela (Ribadavia) ou a retirada de palcos de música abandoados como os de Vilachá (Boborás) ou Corcores e Couso (Avión).

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------