O Grupo Municipal Socialista de Ribadavia vén de presentar por rexistro unha serie de preguntas por escrito co obxectivo de coñecer a situación administrativa concreta das vivendas sometidas a procedementos de venda forzosa no municipio, se contan con licenza en vigor e se iniciaron obras e se están cumprindo os prazos legais establecidos.
“A resposta do alcalde non achega ningún destes datos”, subliñan dende o PSdeG-PSOE, e, ao respecto, apuntan que “limítase a citar artigos legais e a enumerar os inmobles subastados, información xa coñecida, evitando aclarar o que realmente importa: se as vivendas están cumprindo ou non coas obrigas derivadas da poxa”. Desde o grupo socialista entenden que “a maioría dos propietarios estarán cumprindo ou xa terán cumprido coas súas obrigas, como pode ser o caso da Granxa do Outeiro. Precisamente por iso resulta incomprensible que non se facilite información clara, detallada e individualizada”.
Un procedemento que, consideran, “podería ser positivo para recuperar vivenda abandonada foi convertido por este goberno municipal nun proceso que xera dúbidas pola súa falta de publicidade e control visible. O propio alcalde de Ribadavia recoñece na súa resposta que “a situación administrativa respecto aos títulos habilitantes será comprobada polos servizos municipais”. Esta afirmación -entende o grupo socialista- resulta preocupante, xa que un Concello que impulsa vendas forzosas, tramita poxas públicas e invoca reiteradamente a legalidade debe coñecer e supervisar o estado administrativo dos inmobles afectados. Ou ben non existe un seguimento efectivo, ou ben existe información que non se está facendo pública”.
Dende o PSdeG-PSOE manifestan que “o alcalde defende que o prazo de nove meses para iniciar as obras non comeza ata a obtención dos informes sectoriais, o que na práctica supón converter un prazo legal nun prazo indefinido, baleirando de eficacia real a Lei de Rehabilitación e Vivenda. Esta interpretación permite que as vivendas subastadas permanezan anos sen rehabilitar, sen sancións nin consecuencias, mentres o Concello non ofrece explicacións claras”.
Esta formación política da oposición na Corporación Municipal indica que “a falta de claridade abre a porta á sospeita de posibles tratos de favor ou afinidades que non deberían ter cabida nun procedemento que debe ser absolutamente obxectivo, transparente e sometido a control público. O dereito á vivenda e á rehabilitación urbana non pode quedar reducido a expedientes sen seguimento nin resultados visibles para a veciñanza.
En consecuencia, o PSOE esixe información pública e verificable sobre cada inmoble; un seguimento efectivo das obrigas dos adquirentes; un control rigoroso dos prazos legais, e, finalmente, unha política de vivenda baseada no interese xeral, non na autodefensa xurídica do goberno municipal.
















