Medio Ambiente estudará co Concello do Irixo posibles fórmulas para habilitar vivendas de promoción pública no municipio

IES CHAMOSO LAMAS

A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Manuel Cerdeira reuníronse esta tarde por videoconferencia para abordar varios asuntos de interese municipal

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello do Irixo (Ourense) analizarán a posibilidade de colaborar nalgún proxecto que permita poñer a disposición dos veciños do municipio vivendas de promoción pública. Este foi o asunto central da reunión por videoconferencia que mantiveron esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Manuel Cerdeira.

HIPER MASIDE

Neste sentido, o alcalde ourensán trasladoulle o seu interese por incrementar o actual parque público residencial do municipio, ben sexa a través da promoción de novas construcións ou pola vía da rehabilitación.

Precisamente co obxectivo de poñer a disposición dos cidadáns vivenda pública a prezos vantaxosos, a conselleira explicoulle que o seu departamento, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), conta con diferentes liñas de axudas e programas de financiamento dirixidos a apoiar ás entidades locais á hora de rehabilitar edificios e vivendas.

Concretamente, referiuse ao Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado no ano 2017 para ofrecerlles préstamos sen xuros e en condicións favorables cos que poder acometer obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Ademais, lembroulle tamén ao rexedor que nas próximas semanas publicarase unha nova convocatoria de axudas para rehabilitación dirixida neste caso a concellos de menos de 20.000 habitantes interesados en recuperar edificios e vivendas de titularidade municipal para destinalos a alugamento social. A dotación desta orde será de 1,7 millóns de euros, un crédito inicial que poderá ser ampliado.

Tendo en conta que no caso do Irixo existen varios núcleos rurais en situación de abandono total ou parcial, a conselleira explicoulle que á opción de rehabilitar inmobles e edificios xa existentes parece adaptarse ás súas necesidades actuais, polo que o emprazou a valorar as opcións anteriormente mencionadas para ver cal se podería adaptar mellor ao seu caso.

Así mesmo, tamén lle trasladou que o Concello podería incluír os seus núcleos en estado de abandono na futura plataforma informática de núcleos rurais abandonados, deseñada e promovida polo IGVS co fin de poñelos a disposición de posibles persoas interesadas en adquirir ou alugar inmobles nos mesmos.