A opinión de Laura Novelle: relato, historia e (des)memoria da guerra civil

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Laura Novelle ( O Carballiño). Profesora de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, escritora e divulgadora. Responsable do blog Docendo Discitur: https://docendodiscitur.blog/


Hai algunhas semanas, empezou a circular polas redes o cartel dunhas xornadas auspicadas pola Fundación Cajasol e coordinadas por Arturo Pérez-Reverte e Jesús Vigorra en Sevilla baixo o título 1936: La guerra que todos perdimos. Como historiadora, ardeume o título (¿agora resulta que as guerras fanse para perdelas?) mais tamén algúns dos convidados: J. M. Aznar, A. Ruiz-Gallardón e I. Espinosa de los Monteros mesturábanse con novelistas multipremiados (David Uclés) e historiadores (J.P. Fusi) entre moitos outros. Como me teño por muller prudente, consultei antes con Ana Martínez Rus, unha colega historiadora da UCM coa que me une o interese pola historia das bibliotecas e a lectura e que se atopaba tan indignada coma min.  En cuestión de horas, estoupou unha bomba de ampla onda expansiva: o histriónico título saltou a xornais de tirada nacional, David Uclés dixo que se retiraba, Pérez-Reverte insultouno publicamente por esta decisión (logo de gabar a súa novela La Península de las casas vacías, que a nivel persoal considero sobrevalorada); máis tarde anunciouse que o cartel contiña unha pregunta e non unha afirmación (falso, o cartel sempre foi o mesmo) e, finalmente, as xornadas foron adiadas por decisión dos organizadores.  

As querelas entre escritores (mesmo entre historiadores) teñen existido de sempre. Non é a miña intención botar aquí máis leña a este lume alimentado por medios voraces na procura do titular. O que pretendo con este artigo e recuperar a verdade histórica (que non ten por qué desamigarse da divulgación) no medio dunha marea de mentiras disfrazadas de equidistancia. Non é casual que este tipo de versións suavizadas dun pasado incómodo xurdan ao calor do desleixo cara as Humanidades nos currículos actuais de Bacharelato. «Unha mentira mil veces dita, convértese nunha gran verdade», dixo Goebbels, un gris bibliotecario de non ser polo nazismo. Primeiro, esquecemos a Historia e o sentido crítico, substituídas por vídeos de TikTok que ofrecen á mocidade pílulas de información descontextualizada de fácil dixestión. Co tempo, podemos ofrecer titulares completamente falsos e vendelos como Historia sen vinganza, reconciliación e demais verborrea. Non. O historiador profesional tamén ten algo que dicir, baseándose en fontes e nun método rigoroso que permita coñecer e divulgar o pasado.         

Pérez-Reverte (xornalista curtido, escritor popular ao estilo dun Marcial Lafuente posmoderno) leva anos en permanente estado de exaltación e de enfrontamento co labor de historiadores profesionais como Henry Kamen, prestixioso hispanista especializado no Século de Ouro que lle emendou a plana ao seu Alastriste. Semella que lle molesta a nosa mera existencia. Semella que facerse rico escribindo novelas pseudohistóricas para as que nunca pisou un arquivo dálle carta branca para desprestixiar e insultar con verbas grosas, feas, tabernarias, impropias dun señor académico da RAE. Curioso xeito de limpar, fixar e ¿dar esplendor? á lingua cervantina. Alá cadaquén coas súas manías de vello. O que os historiadores non consentimos é que se manipule a verdade histórica.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Guerra Civil Española foi o resultado dunha sublevación fracasada contra un goberno legal e lexitimamente constituído. A Guerra Civil Española perdeuna ese mesmo goberno e gañárona os sublevados, non só no sentido táctico e político, senón tamén no do relato. Durante décadas, só existiu a versión dos vencedores. Ricardo de La Cierva foi o historiador oficialista do Réxime, con acceso a documentos que aínda hoxe están en poder da Fundación Francisco Franco. A imposición do franquismo como réxime autoritario serviuse da instauración do terror como instrumento para acadar a desmobilización e a pasividade da poboación. A represión exercida contra os disidentes (ou meros sospeitosos de selo) foi unha hidra que tinguiu de sangue todo o país: represión física, sexual, económica e moral. Hijos de la sangre, de Javier Tusell, publicado en 1986 coincidindo co 50º aniversario da sublevación, foi o libro seminal que derribou o tabú sobre a represión, estimulando o desenvolvemento dun vizoso campo de estudo historiográfico. Velaí están as investigacións de Xulio Prada, Julián Casanova, Carme Molinero, Javier Rodrigo, Paul Preston, Francisco Alía ou Josep Fontana, por citar só algúns nomes de referencia. Nos últimos anos, a incorporación da perspectiva de xénero e da vida cotiá enriqueceu o noso coñecemento, con títulos como Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, de Montse Fajardo  ou Reprimir y adoctrinar, de Carmen Guillén, sobre o nefasto Patronato de Protección a la Mujer que sobreviviu ao mesmo Franco.

Queda claro, xa que logo, que non todos perdemos a Guerra Civil. Perdérona os milleiros de españois que viron desfeitas as súas vidas e esperanzas. Perdérona homes, mulleres, nenos e vellos que só agora están empezando a ser importantes para a investigación. Perdérona os cadáveres que aínda sementan as gabias de todo o país e seguen reclamando dignidade. Para outros, o franquismo foi un suculento negocio. Para outros, foi un festín. Para certo exministro de Aznar que prefiro non mencionar, foi «unha etapa plácida» segundo as súas propias palabras.

Falar sobre a Guerra Civil e o franquismo non reabre feridas. Non é algo a evitar. Ao contrario, supón un saudable exercicio máis necesario ca nunca fronte á posverdade. Sempre e cando non se manipule e se poña ao servizo de intereses espurios. Poida que Reverte se atope cómodo dentro da súa burbulla de notoriedade. Faría ben en seguir a máxima do historiador francés Marc Bloch: «El historiador tiene que ser infinitamente curioso; tiene que poder imaginar las emociones de personas que no se le parecen». Marc Bloch foi fusilado pola GESTAPO en 1944 como membro da Resistencia. Nin David non Arturo han correr hoxe a mesma sorte, por moitos desvaríos que escriban. Grazas, en parte, ao compromiso de homes como Marc. El si foi un dos que perdeu a IIª Guerra Mundial. Un historiador non só é un cronista do pasado, é un analista do presente e un alquimista do futuro.

Mais para facer todo iso e facelo ben é precisa a memoria.     

Foto de Marcos Creo publicada na Voz. Laura co seu libro ” Cuando me digas te quiero “


Outros ártigos de Laura Novelle:

A opinión de Laura Novelle. “Día do libro: algúns datos e propostas”

A opinión de Laura Novelle. “3 de Decembro: algúns datos para reflexionar “

A opinión de Laura Novelle: Mulleres, política, poder

A opinión de Laura Novelle: Tres cuestións para (re)pensar

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------