O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Benestar Social, convoca o programa municipal de conciliación familiar ‘Bo Día Familia’ para o curso 2026/2027. O servizo inclúe a acollida, gardería e lecer durante as horas previas e posteriores á xornada escolar para mellorar a corresponsabilidade e o equilibrio entre a esfera profesional, persoal e familiar da poboación.
O horario do programa en días lectivos será de 7,30 horas ata o inicio da xornada escolar e de 14,00 a 19,00 horas. Nos días non lectivos e non festivos de Nadal, Entroido e Semana Santa, o horario será de 7,30 a 14,00 horas. O programa levarase a cabo, como é habitual, no local Bo Día Familia (rúa Calvo Sotelo) e contará tamén con servizo de almorzo a partir das 8,00 horas.
O prazo de inscrición comeza o día 1 de marzo e remata o 20 de marzo. Para solicitar a praza é preciso que os menores teñan entre 3 e 12 anos, estean empadroados no Carballiño e estean escolarizados nalgún centro educativo do municipio.
As familias interesadas poden completar a información e descargar o formulario de inscrición na páxina web municipal (carballino.gal), nas dependencias de Servizos Sociais (rúa Faustino Santalices) ou no teléfono 988 531 076.
















