O Concello de Ribadavia aprobou hoxe en pleno o orzamento para o exercicio 2026, que ascende a 6.401.635,50 euros e que dende o goberno municipal defínese como un documento “realista, rigoroso e executable” orientado a garantir a calidade e continuidade dos servizos públicos municipais. O novo orzamento pon especial énfase no fortalecemento das políticas públicas e na mellora da capacidade de investimento do Concello, ao tempo que mantén a estabilidade económica e a estrutura fiscal municipal.
O capítulo de investimentos sitúase en 933.578,15 euros, o que representa un dos volumes inversores máis elevados da historia de Ribadavia, similar ao do ano pasado, aínda que lixeiramente por debaixo debido a que no 2025 estaba incluída a ambiciosa reforma do pavillón municipal. Entre as inversións programadas destacan as do plan HURBE en Ventosela, o embelecemento do núcleo de Francelos, a mellora de vías de titularidade municipal, á destinada a equipamento e infraestruturas deportivas ou as ctuacións na rede de abastecemento e saneamento municipal
En definitiva, as inversións do orzamento deste ano están dirixidas fundamentalmente á mellora das infraestruturas, equipamentos e instalacións municipais. As inversións contan cunha parte importante de financiamento procedente doutras administracións, o que permite incrementar a capacidade de execución municipal sen comprometer a estabilidade das contas do Concello.
O goberno local destaca ademais o carácter realista da planificación orzamentaria, sinalando que, á luz da experiencia de exercicios anteriores, a cifra de investimento poderá incrementarse ao longo do ano en función da evolución da execución dos proxectos. Neste sentido, cómpre sinalar que o Concello de Ribadavia aprobou en 2025 un orzamento de 6.462.573,47 euros, mais a liquidación do exercicio elevou a execución real ata os 9.073.580,09 euros, practicamente 2,5 millóns de euros máis dos previstos.
Por esta mesma razón, o goberno municipal agarda que ao longo do exercicio 2026 esta cifra de investimento se incremente, xa que no exercicio pasado o orzamento contemplaba unha previsión de investimento superior aos 1,4 millóns de euros, mentres que a liquidación final do exercicio tamén elevou os investimentos efectivos por riba dos 2,8 millóns de euros, o dobre
Servizos públicos, acción social e tecido asociativo
O documento orzamentario mantén as partidas destinadas ao sostemento dos servizos esenciais, especialmente aqueles vinculados á atención social, limpeza, cultura, deporte, seguridade e funcionamento administrativo. Precisamente, a principal partida do orzamento corresponde ao capítulo de persoal, chegando aos 3,26 millóns de euros, de maneira que se garantan a prestación destes servizos esenciais para a cidadanía. Así mesmo, continúase apoiando o tecido asociativo, cultural e deportivo do municipio mediante a mantemento das axudas a entidades e clubes, co obxectivo de favorecer a dinamización social e a actividade comunitaria.
O orzamento tamén reflicte a continuidade do calendario de implantación da Relación de Postos de Traballo (RPT), documento incorporado en 2025 tras 38 anos sen contar o Concello con esta ferramenta de ordenación do emprego público. Unha RPT que constitúe un instrumento de modernización da estrutura municipal, orientado a organizar as funcións do persoal, evitar duplicidades e mellorar a eficiencia na prestación dos servizos á cidadanía, ao tempo que contribúe á transparencia e á mellora das condicións de traballo do persoal municipal dentro do marco legal vixente.
Unha folla de ruta para a mellora da calidade de vida
O goberno municipal subliña que o orzamento 2026 non é un documento de promesas, senón de proxectos financiados e executables, que permite garantir os servizos públicos, manter a estabilidade fiscal e incrementar o investimento municipal.
“Este orzamento marca unha folla de ruta clara para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza, con contas claras, estabilidade económica e proxectos reais”, sinala o alcalde, César Fernández.
En definitiva, as contas municipais para 2026 buscan consolidar o modelo de xestión baseado na sustentabilidade financeira, a eficiencia administrativa e o impulso progresivo das infraestruturas e servizos de Ribadavia.

















