Dentro das actividades do proceso social LINGUA VITAL!, a Plataforma Queremos Galego, na súa sección do Ribeiro e do Carballiño, organiza no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición “O Ribeiro e O Arenteiro no lapis de Xosé Lois, O Carrabouxo”, que pretende visibilizar a creación en galego, a súa dignificación a través dos usos en todo tipo de expresións e a súa forte conexión coa identidade e o orgullo comunitario.
A exposición pretende ser un percorrido polas comarcas do Ribeiro e do Carballiño a través dunha escolma do gran referente do humorismo e do debuxo da cultura ourensá, Xosé Lois, ‘O Carrabouxo’. A ironía, o compromiso co país e a denuncia social son características fundamentais deste debuxante icónico da nosa terra, que pasa polo seu filtro toda a actualidade, sempre en galego e sempre con consciencia de pertencer a unha cultura propia, aberta a todos os acontecementos do mundo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O acto de inauguración terá lugar o vindeiro sábado, 7 de marzo, ás 12,00 horas, e contará coa presenza de Xosé Lois, ‘O Carrabouxo’, que será presentado por Roberto Pascual, exdirector da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e vicedirector da ESAD de Galicia. Queremos Galego convida a toda a cidadanía a participar desta retrospectiva humorística e como non podía ser doutro xeito, convidará a unha degustación de viños do Ribeiro como peche da presentación.
“Defender o galego é defender a dignidade, a consciencia crítica, como ben exemplifica o traballo deste debuxante. Defender o galego significa darlle vida, darlle pulo a través da creación, fomentar o seu uso e que toda a sociedade se sinta orgullosa da súa lingua propia”, manifestan dende a Plataforma.
A Plataforma Queremos galego leva a cabo estas actividades en defensa da lingua galega, e anima á cidadanía a acudir, o vindeiro día 14 de marzo, ás 12,00 horas, na Praza da Quintana de Santiago de Compostela “a un acto popular e masivo, de novo, en defensa dos Dereitos Lingüísticos e dun protocolo de actuación en contra da emerxencia lingüística á que nos ten levado a nefasta xestión do Partido Popular na Xunta de Galicia estes últimos anos”.

















