A CEO analiza o novo modelo dixital de rexistro horario e as súas implicacións para as empresas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 4 de marzo, 2026_ A CEO acolleu esta mañá unha sesión centrada no control horario dos traballadores e os principais retos derivados da futura reforma normativa do rexistro dixital obrigatorio de xornada, actualmente en tramitación. Profesionais do ámbito xurídico e tecnolóxico abordaron as principais novidades nesta, con especial atención ao novo modelo dixital en desenvolvemento regulamentario. O presidente da entidade, David Martínez, foi o encargado de introducir aos relatores e argumentar a idoneidade desta xornada especializada nun momento en que se está á espera de cambios importantes tanto para empresas como para traballadores.

Durante a sesión repasouse o marco legal vixente, as obrigacións empresariais de rexistro diario, a conservación e posta ao dispor dos datos, así como o réxime específico do traballo a tempo parcial e o control por parte da Inspección de Traballo. Precisamente por parte desta administración interveu Tania Lamas, Inspectora de Traballo e Seguridade Social, quen falou do rexistro de xornada desde o marco legal e a aplicación práctica e introduciu os principais cambios que para a inspección incorporará a nova normativa pendente de aprobación nestes momentos. Así mesmo, analizou as claves do futuro sistema: dixitalización obrigatoria, rexistro obxectivo, fiable e inalterable, acceso remoto para a Inspección e consulta permanente por parte das persoas traballadoras.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Catarina Capeáns, desde a súa experiencia como socia responsable da área de Dereito Laboral de Vento Avogados & Asesores, abordou o réxime xurídico actual e os retos do novo rexistro de xornada. Tamén analizou o tempo de traballo efectivo e a súa delimitación conceptual e práctica con casos concretos e exemplos, ilustrando o seu relatorio con sentenzas relevantes nestes ámbitos.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Finalmente, Jorge Cebreiros, socio fundador da empresa InfoJC, explicou as solucións tecnolóxicas existentes para o rexistro dixital da xornada adaptadas ás diferentes casuísticas, e os beneficios de contar cun sistema de fichaxe con almacenamento de datos na nube. Na súa exposición analizou tamén as vantaxes das aplicacións dixitais para cumprir coa normativa e a oportunidade que isto supón para a xestión de tempos e persoas na contorna laboral.

Os relatores coincidiron en destacar que a nova regulación busca reforzar a transparencia, evitar horas extraordinarias non declaradas e garantir o dereito ao descanso e á desconexión dixital. Esta xornada puxo de relevo que o cumprimento normativo non só implica evitar sancións, senón que representa unha oportunidade para mellorar a xestión do tempo, optimizar procesos e reducir riscos nas organizacións.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------