A Selección Española de Relevos concéntrase esta fin de semana en Expourense

A pista de atletismo de Expourense acollerá entre os días 25 e 27 de febreiro a concentración da Selección Española de Relevos para afinar a súa participación no próximo Campionato de Europa de Atletismo en pista cuberta que se celebrará entre o 2 de febreiro e o 5 de marzo na capital turca. A Real Federación Española de Atletismo, que valora a Pista Galega de Atletismo Cuberta de Expourense como unha das mellores de Europa, escolleuna para a concentración absoluta do equipo masculino de relevos 4×400 metros. Esta concentración na pista cuberta complementarase co Pazo dos Deportes Paco Paz para o adestramento de forza.

Ao coincidir con outras competicións, a Federación Galega de Atletismo axustou os horarios para recibilos nas mellores condicións, xa que este domingo 26 de febreiro a pista de atletismo de Expourense tamén acollerá o Campionato Galego Sub-18, que permitirá aos mozos deportistas galegos compartir pista con algúns dos mellores deportistas do panorama europeo.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Selección Española de Relevos que centrará estes días en Ourense foi subcampión do mundo a pasada tempada 2022 en Belgrado. Todo o foco estará na preparación deste equipo, con opcións de facer historia tamén no campionato de Europa tras a sensacional participación no Campionato de España celebrado en Gallur a pasada fin de semana e que foi a mellor final de 400 metros da historia.

Un dos deportistas desta Selección, Óscar Husillos, vén de bater a marca de España, con 45”58, que supón a segunda marca europea do ano. Outro deles, Iñaki Cañal, nesa mesma carreira, fixo a segunda mellor marca española de todos os tempos e Manu Guijarro, outro integrante do equipo, a sétima. Pola súa banda, David Gª Zurita bateu a marca de España sub’20. Estes datos indican o excelente estado de forma deste equipo que o converte nun dos favoritos para gañar a Eurocopa.

Acompañando a este grupo, os corredores de 60 metros vallas Quique Llopis e Kevin Sánchez acudirán a adestrar a Ourense, como o seu adestrador persoal, Toni Puig, o director nacional da selección de relevos. Quique Llopis vén de igualar o récord de España de Orlando Ortega, polo que a forma de todos eles é inmellorable.

A Pista Galega de Atletismo será a última parada antes de voar a Istambul co que serán os últimos adestramentos antes do gran evento.