O Bloque Nacionalista Galego desvincúlase de xeito rotundo da moción de censura asinada polos seus concelleiros no Concello de Rairiz de Veiga xunto co Partido Popular e cun concelleiro non adscrito procedente do PSOE. A iniciativa foi promovida á marxe da organización, sen o coñecemento nin o aval dos órganos do BNG a nivel comarcal e nacional, e non representa en ningún caso a posición política da formación nacionalista.
O BNG non comparte nin apoia esta decisión, que considera especialmente grave tanto polas formas como polas súas implicacións políticas. Unha iniciativa destas características, acordada co Partido Popular e cun concelleiro que abandonou as filas socialistas, non debe presentarse en nome do nacionalismo galego nin comprometer a posición dunha organización que non a autorizou.
A coherencia política e o respecto ás decisión colectivas son principios fundamentais da acción política do Bloque Nacionalista Galego. O proceder dos concelleiros de Rairiz de Veiga, ao actuar á marxe da organización e subscribir unha iniciativa desta natureza, é incompatible coa posición que a formación nacionalista mantén como forza política.
Por todo isto, o BNG, unha vez contactado cos seus actuais concelleiros, solicítalles unha fonda reflexión ao respecto da súa actuación, indicándolles que de non retirar de inmediato as súas sinaturas da moción de censura, a organización verase na obriga de iniciar a toma das medidas pertinentes, requirirlles a entrega das súas actas e abrir o correspondente expediente para a súa expulsión, en coherencia coa gravidade dos feitos e coa defensa dos principios e das decisións colectivas da formación.
O BNG reitera o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza de Rairiz de Veiga e lamenta o uso espurio da súa representación para impulsar unha acción que non conta co respaldo da organización, agardando, así mesmo, que o resto de forzas políticas con representación municipal sexan conscientes da gravidade desta decisión e actúen con responsabilidade.
O Bloque Nacionalista Galego confía en que esta situación se reconduza coa retirada da moción de censura, sen que iso implique renunciar á crítica política que das actuación da Alcaldía puideran derivar, mais incidindo en que serán as veciñas e os veciños de Rairiz de Veiga quen, dentro de seis meses, poida decidir nas urnas o futuro do seu Concello.

















