O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Servizos Públicos e Benestar Comunitario, avanza no plan de mellora da limpeza municipal. Entre as intervencións previstas nas próximas semanas, destaca o inicio do baldeo de beirarrúas no casco urbano e a renovación de contedores en diversos puntos do municipio. De feito, estes días rematouse o cambio dos contedores da Praza da Mina, que se atopaban deteriorados polo seu mal uso.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A concelleira de Servizos e Benestar, Rosa Fuentes, adianta que tamén se realizarán lavados daqueles contedores que non precisen ser renovados. Neste sentido, Fuentes recorda a importancia das boas prácticas na reciclaxe e pide a colaboración da veciñanza. “Reciclar correctamente é unha responsabilidade de toda a poboación, polo que precisamos que todos e todas nos concienciemos da importancia de facelo ben”, apunta.
Por outra banda, nas vindeiras semanas, despois das intensas chuvias dos últimos meses, comezarán os traballos de limpeza das beirarrúas. “Empezaremos polo centro, polos lugares emblemáticos do Carballiño, como é a Praza da Veracruz”, detallou Fuentes. Os baldeos irán realizándose de xeito progresivo en todos os barrios da vila.

















