O Goberno galego sacará en vindeiros días a licitación cun orzamento de preto de 2M€ a obra de adecuación dun novo espazo no edificio do Centro Comarcal do Carballiño para integrar nel a oficina de emprego e o polo de emprendemento deste concello. Esta actuación enmárcase na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e permitirá crear un espazo único de empregabilidade e talento, favorecendo as sinerxías entre o emprego por conta propia e allea, respondendo ás necesidades do tecido empresarial da contorna.
Así o reflicte un informe sobre esta actuación analizado hoxe no Consello da Xunta que detalla os traballos a realizar. Neste sentido, a obra tamén incluirá o acondicionamento exterior deste espazo, situado na Avenida de Pontevedra, nº 73 e dotado con máis de 900 m2 de superficie construída. Isto suporá o traslado da oficina de emprego, que está actualmente na rúa Otero Pedrayo, nº 20 a este novo espazo, no que xa opera o Polo de emprendemento, co fin de adecuar as instalacións ás necesidades operativas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Deste xeito darase continuidade ao labor da actual da oficina de emprego, que presta servizos de inscrición de demandantes de traballo, xestión de ofertas laborais e da formación para o emprego e orientación laboral, compartindo espazo co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que xestiona as prestacións por desemprego. En concreto, esta oficina atende ás veciñas e veciños dos municipios do Carballiño, Boborás, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.
Tamén potenciará o labor do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, que comprende unha área de actuación de 31 concellos da zona e leva atendido —desde a súa posta en marcha no ano 2023— uns 400 proxectos empresariais, no marco dos máis de 1.100 asesorados na provincia de Ourense. Por sectores, predomina o dos servizos (máis do 20 %), seguido da hostalaría (17 %) e o comercio (máis do 10 %). Coas persoas atendidas neste polo realizáronse preto de 1.200 titorías e delas o 58% son mulleres. Ademais, co seu labor contribuíu á creación de preto de 70 empresas.
Para o proceso de modernización das infraestruturas do SPEG no que se enmarca esta actuación, así como a recente adxudicación para a redacción do proxecto da futura oficina de emprego de Ourense A Ponte, o Goberno galego consignou este ano un orzamento de 8 M€ que irán dirixidos tamén aos centros formativos dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Este eido abarca outras medidas como o impulso á dixitalización deste servizo, cun investimento de 1 M€ para a potenciación da ferramenta informática EMi, coa que contan as 54 oficinas de emprego de Galicia, entre elas a do Carballiño, e que permite aplicar a intelixencia artificial e a aprendizaxe automática á xestión das políticas activas de emprego. Neste eido inclúese o lanzamento dunha aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar o seu propio perfilado competencial. Así, ata o momento EMi xa permitiu o perfilado competencial de arredor de 96.000 persoas en Galicia, máis de 17.500 no caso da provincia de Ourense.
A estas actuacións engádense outras como o reforzo da rede de orientación laboral con axudas como as destinadas a apoiar a contratación de orientadores e orientadoras laborais por parte dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro ás que na convocatoria de 2026 a Xunta destinará 8,5M€. Tamén o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que xa permitiu a inserción laboral de máis de 16.000 persoas, máis de 3.000 na provincia de Ourense.

















