O Punto de Atención á Infancia (PAI) de Sandiás celebrou o Día da Muller cunha xornada chea de aprendizaxes e diversión arredor do mural titulado “A miña mamá é especial”. A actividade permitiu que os nenos e nenas coñecesen de primeira man diferentes profesións grazas á participación de varias nais da escola.
Na primeira parte da xornada participaron dúas mamás da escola, Sory e Estefi, traballadora social e psicopedagoga do LIMISI. Ambas acudiron acompañadas de dúas usuarias do centro, Sonia e Sofía. Durante a súa visita explicaron de maneira sinxela e adaptada aos máis pequenos o traballo que realizan no LIMISI e como axudan ás persoas no seu día a día. Tras a explicación, compartiuse un tempo de xogos con Sonia e Sofía, que fixeron as delicias dos pequenos. Ademais, trouxeron uns agasallos moi especiais para os nenos e nenas: unhas pelotiñas de cores moi divertidas que foron recibidas con gran entusiasmo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A xornada continuou coa participación de Brenda, directora da escola de danza La Bayadére de Allariz. Acompañada da súa escola, propuxo unha serie de exercicios e pequenos bailes cos que gozaron non só os nenos e nenas, senón tamén as profesoras e outras mamás presentes.
Con esta actividade, o PAI de Sandiás quixo poñer en valor o papel das mulleres e achegar aos máis pequenos diferentes realidades profesionais, celebrando o Día da Muller nun ambiente de convivencia, aprendizaxe e diversión.
















