A Deputación convoca o XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O premio ao mellor traballo está dotado con 4.000 euros e o accésit ao segundo traballo mellor valorado con 1.000

O prazo de presentación de propostas rematará dentro de 15 días naturais e dirixiranse ao Gabinete de Comunicación da Deputación, conforme aos modelos anexos ás bases e dispoñibles na sección “Premios” da web da Deputación

Ourense, 13 de marzo de 2026.

A Deputación de Ourense vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases e convocatoria do XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, na súa edición de 2026, que ao igual que o pasado ano inclúe un premio de honra, un galardón ao mellor traballo xornalístico e un accésit.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Tal e como establecen as bases, haberá un “Premio Honorífico á traxectoria profesional”, con diploma acreditativo en recoñecemento ao labor xornalístico desenvolvido pola persoa gañadora. Para o fallo terase en conta a relación persoal ou profesional do candidato ao galardón con Galicia, e de modo particular coa provincia de Ourense. As propostas poderán ser presentadas polos membros do xurado e por institucións, asociacións ou colectivos de calquera ámbito (económico, social, cultural, deportivo, e outros).

As candidaturas a presentar corresponderanse con persoas profesionais ou colaboradoras habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera medio galego ou edición galega dun medio estatal.

A segunda categoría do certame é o “Premio ao mellor traballo xornalístico”, cunha dotación económica de 4.000 € e diploma acreditativo, á persoa autora, ou autoras, dun traballo en calquera soporte (papel, radio, televisión, fotografía, dixital) e modalidade (reportaxe, crónica, artigos…), cuxa temática estea relacionada con Galicia e de modo particular coa provincia de Ourense.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


En terceiro lugar, o premio propón un “Accésit ao segundo traballo mellor valorado”, cunha dotación de 1.000 € e diploma acreditativo, seguindo as mesmas directrices que as establecidas para o premio principal ao traballo xornalístico.

Compre destacar que tamén se valorará de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.

O prazo de presentación de propostas rematará dentro dos 15 días naturais, contados a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, e dirixiranse ao Gabinete de Comunicación da Deputación, conforme aos modelos anexos ás bases e dispoñibles na sección “Premios” da web da Deputación:

https://www.depourense.gal/gl/ainstitucion/premios.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------