O Grupo municipal do BNG denuncia que Jácome e o Concelleiro de Urbanismo levan mentindo ao longo dos últimos meses sobre a execución das obras pois o pasado mes de agosto a empresa informou ao Xulgado da súa inminente insolvencia sen que o Executivo local fixera nada para previr chegar á situación de parálise actual
Ourense, 14 de marzo de 2026. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta das últimas informacións ás que puideron ter acceso en relación á situación na que se atopan as obras de reforma integral da Avda. de Portugal, actualmente paradas pola empresa adxudicataria.
O Portavoz nacionalista Luís Seara comezou lembrando os antecedentes da empresa adxudicataria, OPAIN SL nunha obra anterior, concretamente as levadas a cabo en Rabo de Galo. “Esa obra foi un auténtico disparate, lenta e cunha execución deficiente o que provocou as queixas da veciñanza pero na que xa daquelas a empresa tivo que reclamar no Xulgado os impagos do Concello, concretamente 330.000 euros, estando a día de hoxe aínda pendente o pagamento doutros 104.000 euros”.
Seara sinala que naquela altura, o propio Alcalde aseguráralle ás veciñas e veciños “que a partir de entón, el ía baixar a area para controlar que as empresas non foran só solventes, senón que ademais foran empresas que fixaran as cousas ben” e engade, “para sorpresa ou non, OPAIN levouse a obra da reforma da Avenida de Portugal”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o BNG lembraron que levan ao longo dos últimos meses recibindo rumoroloxía que se acrecentaba coa lentitude no avance das obras e coa escasa presenza de operarios, o que levou aos de Seara a “preguntar de forma insistente, tanto en Xuntas de Área como en Pleno, polo avance das obras, sendo a resposta sempre a mesma por parte do Concelleiro delegado, até o punto de enviar unha nota de prensa o pasado 21 de agosto na que se afirmaba que avanzaban a bo ritmo e que rematarían a finais do ano 2025”.
Pero o certo é que este mesmo luns, a propia empresa anunciaba públicamente a paralización das obras debido aos impagos por parte do Concello de Ourense. “A partir de aí, comeza unha cadea de información contradictoria, de desinformación e nos dicimos que claramente de mentiras e falsedades por parte do Goberno Local. Primeiro, que as obras se van reanudar en tres días, onte mesmo, os tres días xa pasan a ser unha ou duas semanas e imaxino que cando chegue o luns, o Alcalde xa falará de meses”.
“Nós, que estivemos coa veciñanza ao longo de todos estes días e puidemos pulsar cal é o sentir, dicir que están absolutamente indignados pola paralización, pero fundamentalmente pola falla de información e polas mentiras sistemáticas que por parte do Goberno Local se está a trasladar”.
Luís Seara sinala que “ao longo da semana pasada, recibimos unha información que era algo máis ca un rumor e que onte mesmo puidemos comprobar. A información que nos chega acredita que a empresa OPAIN, o 8 de agosto presentou nun Xulgado do Mercantil de Madrid unha comunicación na que di que está nunha situación de insolvencia inminente. Falo do 8 de agosto. Polo tanto a pregunta que xorde agora é saber se a coñecía Jacome” e engade, “nós estamos absolutamente seguros que sí porque o mesmo que a nós nos chegaban os rumores, con máis forza lle chegarían a el”.
Diante desta situación, desde o BNG entenden que “Se coñecían esta situación que, insisto, se produce o 8 de agosto, por qué non tomaron medidas adiantándose as posibles consecuencias que isto iba a xerar e que está xerando? Agora vemos como están padecendo nas súas carnes, as veciñas e veciños esta situación e tamén os comerciantes da propia zona”. Por qué enganaron ao BNG, as veciñas e veciños e por qué nos seguen enganando?”
Chegados a este punto, o Grupo municipal do BNG exixe a Jácome que “aclare cales son as alternativas nas que están a traballar para dar solución a esta situación, esa é agora mesmo unha cuestión central. Tamén debe aclarar se efectivamente era coñecedor da situación da empresa que, como xa explicamos, envía unha comunicación ao Xulgado do mercantil o 8 de agosto e o que exiximos desde o BNG é unha solución xa. Pedimoslle ao Alcalde que se deixe de enmarañar, que se deixe de mentir nas redes sociais, que non se parapete detrás das mesmas e que dea a cara diante das veciñas e veciños”.















