Preto de 300 atletas de tódalas idades déronse cita na segunda edición da ‘Carreira do Pulpo’, organizada pola Área de Deportes do Concello do Carballiño coa colaboración do ximnasio Kórpore Fitness e que tivo lugar este domingo con saída e meta na praza da Veracruz da vila cun itinerario pola contorna do río Arenteiro e o Parque Municipal.
Cunha agradable temperatura de 18 grados e co sol facendo acto de presenza ao longo do itinerario os participantes nas carreiras de 10 e 5 quilómetros realizaban a saída pasadas as 10,00 horas, mentres os cativos, enfrontáronse ás 11,30 horas cun percorrido polo casco urbano de 2 quilómetros.
Unha xornada de actividade física, de convivencia e de reencontros entre atletas de diferentes clubs e puntos da xeografía provincial e co único obxectivo de desfrutar dunha agradable mañá de lecer e logo poder degustar o ‘pulpo á feira’ en calquera dos locais de hostalería da vila.
Asemade, e como complemento á carreira, os participantes tiveron a oportunidade de acceder gratuitamente á Piscina Municipal, onde a partir das 12,00 horas se desenvolveron sesións de zumba e ioga para estirar e relaxar os músculos.

















