A cuarta edición de ‘Inspiro’ centrarase na aprendizaxe de ferramentas para conquerir éxito no emprendemento

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Expourense e a empresa ourensá DixitalGou volven unirse para organizar a cuarta edición de “Inspiro”, o Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) de toda Galicia. Este Encontro celebrarase o mércores 25 de marzo no recinto feiral ourensán e o seu programa ofrece conferencias maxistrais e talleres prácticos de expertos sobre emprendemento, ciberseguridade, casos de éxito e montaxe de streaming con recursos accesibles. Como é habitual, este evento inclúe tamén a exposición (e posterior entrega de premios) dos dez traballos finalistas do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores. A asistencia a este encontro é gratuíta.

A cuarta edición de Inspiro foi presentada esta mañá en Expourense nun acto que contou coa participación do deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Marta Vázquez; do vicerreitor do Campus de Ourense – Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo; da directora do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, María Jesús Carnero; da vicepresidenta de AJE-Ourense, Alba Ferro; do CEO de Dixitalgou, Pablo Sanmartín e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. O programa de conferencias do Encontro Inspiro está dispoñible na web do Encontro www.inspiro.es. Contará coa participación de expertos en emprendemento que impartirán clases maxistrais e compartirán os seus casos de éxito á hora de converter un proxecto nunha empresa.

A presentadora de televisión, Lucía Rodríguez, exercerá de novo de mestra de cerimonias deste encontro que arrincará coa conferencia inaugural dl experto en comunicación Roberto Pérez Marijúan, fundador de Eloqüencia, a primeira escola de oratoria de Galicia, e que explicará que “Emprender ten método”. O programa de conferencias continuará cun relatorio sobre ciberseguridade “protexendo o futuro” impartida por Judit Mairiño Maquiera da empresa Data Defense Solutions. Inspiro 2026 incluirá ademais unha mesa redonda moderada polo CEO de DixitalGou, Pablo Sanmartín, na que tres empresarios emprendedores presentarán as súas experiencias de éxito. Participarán os directivos de Estrelas Máxicas, Ociosaugal e Grupo Vila Castro.

A sesión de tarde terá un compoñente práctico e impartiranse dous talleres paralelos, ademais da celebración do “Demoday” a cargo do Club do Emprendemento. O primeiro destes talleres será un desafío para poñer a proba o verdadeiro espírito emprendedor dos asistentes. Titúlase “C.A.Ou.S.” estará impartido por Julio López que é consultor político, de márketing e de desenvolvemento de negocio. Colaboran os seus alumnos do certificado de profesionalidade en Xestión de Marketing e Comunicación. O segundo dos talleres da tarde explicará como retransmitir por streaming partindo de recursos accesibles e estará impartido por Estrelas Máxicas, empresa dedicada á produción de eventos, especializada en servizos de son, iluminación, pantallas, espectáculos de maxia e actuacións musicais. O enfoque será didáctico e colaborativo, permitindo que os asistentes participen na montaxe, a gravación e a configuración do sistema de streaming. A xornada terminará cunha homenaxe especial a Jorge Bermello, empresario ourensán con máis de 65 anos de traxectoria profesional.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

IV Concurso de Proxectos Emprendedores

En Encontro Inspiro albergará ademais a final do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores ao que se presentaron unha trintena de traballos. Á final chegaron 10 finalistas procedentes da Universidade de Vigo, da de Santiago de Compostela e dos centros de formación Santo Cristo, Valle Inclán e San Martín de Ourense. O programa de conferencias do Concurso inclúe varios pases de exposición dos proxectos finalistas. A entrega de premios terá lugar ás 18.30 horas. Os premios aos gañadores serán en metálico (hai 1.550 euros a repartir en 3 categorías) e inclúe tamén mentorizaciones a cargo do Club do Emprendemento. Este ano, como novidade, realizaranse dous recoñecementos especiais (sen dotación económica) ao “Mellor pitch / Presentación” e ao proxecto que estea dirixido a “Silver Economy”.
O programa deste cuarto encontro inclúe tamén a presentación do proxecto gañador da edición do ano pasado e que foi “Emprender cos meus fillos” dos emprendedores Elio Villalobos e Soraya Picouto. É un proxecto creado por varios emprendedores con fillos que ten como obxectivo “capacitar a pais e nais en educación e intelixencia financeira para que adquiran ferramentas prácticas, pedagóxicas e didácticas no desenvolvemento integral e cognitivo dos seus fillos”.
O obxectivo deste Concurso de Proxectos Emprendedores é vincular o ensino co mundo empresarial de forma bidireccional, é dicir, que as empresas coñezan os proxectos e investigacións que se realizan nos centros educativos para que poidan aplicalos á súa actividade e, tamén, que as empresas estimulen nos alumnos a capacidade de crear proxectos cunha clara visión práctica que logre aumentar a produtividade e competitividade. En definitiva, poñer en contacto as ideas, o talento e a experiencia. Este Encontro terá lugar en Expourense durante toda a xornada do mércores 25 de marzo con horario comprendido entre as 09.15 da mañá e ata as 19.00 h. Está aberto xa o prazo de inscrición para asistir como público na web www.inspiro.es. A asistencia é gratuíta previa inscrición.

O Encontro Inspiro está coorganizado por Expourense e DixitalGou contando co patrocinio principal da Deputación Provincial de Ourense e tamén da Dirección Xeral do Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia e da súa Rede de “Polos de Emprendemento”. Conta tamén coa colaboración da Asociación de Novos Empresarios de Ourense – AJE, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e do Club do Emprendemento.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------